A Xunta, que xa retirou 3.700kg de pataca en Muxía, informa aos alcaldes da zona tapón

Xuntanza da Xunta cos alcaldes da comarca afectada pola couza da pataca

Segue xerando moita confusión a detección da couza guatemalteca da pataca na Costa da Morte. Onte o Salón do Voluntariado do Concello de Muxía quedaba pequeno para acoller unha charla informativa. Outra charla faráa este sábado o Concello de Vimianzo.

Mentres o pleno do Concello de Coristanco rexeitaba onte unha moción que TeGa para instar á Xunta a intensificar, coa maior urxencia, as medidas de prevención e control da praga, facendo un plan preventivo específico para Bergantiños. O alcalde e os concelleiros encabezados por Pensado Plágaro, non a consideraron apropiada, entendendo como suficiente ofrecer unha charla informativa.

O que si fixo a Xunta foi convocar no día de onte aos concellos de Muxía, e de Fisterra, Dumbría, Vimianzo, Camariñas (faltou Cee), como concellos da zona tampón. Así mesmo, tamén quixo acudir ao encontro informativo o alcalde de Zas, aínda que non é un concello limítrofe da zona demarcada.

A directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén do Campo, informou de que en total, nesta primeira xornada de onte, recolléronse máis de 3.700 quilos de patacas de consumo e de semente.

Tras a xornada informativa celebrada no concello, o seguinte paso será que os veciños que teñan patacas ou plantacións na casa o comuniquen á Consellería do Medio Rural para proceder á súa destrución e poder optar á correspondente indemnización. Para iso, terán que recoller os sacos específicos que facilita a Xunta no punto de recollida que habilitará o Concello para tal fin, tal e como se comprometeu o alcalde na reunión de hoxe.

Indemnizacións e multas

Os particulares como os comerciais terán dereito as mesmas indemnizacións que o resto de damnificados de Galicia, segundo o volume de pataca entregada aos técnicos da consellería. Xa se teñen retirado os tubérculos das tres vivendas de Muxía onde se detectou a couza, así como dos primeiros almacéns comerciais.

Docampo recordou que anormativa establece restricións no movemento de pataca a granel. O incumprimento desta prohibición pode dar lugar a sancións que oscilan entre os 300 e os 3.000 euros.

Normativa estatal

Lembraron que a normativa ten carácter estatal e que tamén municipios de Asturias seguen a mesma regulación. De feito, o protocolo de Galicia é incluso máis rigoroso do que esixe o real decreto, demarcando municipios completos cando se detecta a presencia da couza, como foi o caso de Muxía, para evitar a expansión do insecto e dado o peso das explotacións de autoconsumo na nosa comunidade. Co mesmo obxectivo, en lugar de establecer como zona tampón un radio dun quilómetro, en Galicia amplíase a cinco quilómetros.

Novas relacionadas

Fonte

  • Redacción de QPC (info@quepasanacosta.com).