Extinguido un incendio forestal en Arou tras arrasar 60 hectáreas

  • Última hora (19.00):o lume queda controlado. Segundo as últimas estimacións, afecta unha superficie provisional de 64 hectáreas, das cales 54 son de monte arborado e as 10 restantes de raso.
  • Última hora (18:00): A Consellería de Medio Rural considera estabilizado o #IFCamelleCamariñas tras afectar a unhas 60 ha.

Día de vento hoxe por Camariñas, e numerosos medios antiincendios traballan para sufocar un incendio, aínda activo (ás 14:00h), nos montes de Arou, parroquia de Camelle.

Saltaba a alarma ás 12:18, e tras pouco máis de hora e media xa superaba as 20 hectáreas de monte raso arrasadas. En calquera caso, sinalan dende Medio Rural que non hai perigo para as vivendas da zona.

Ás 15:30 cortábase a estrada que une Arou con Santa Mariña, para facilitar o tránsito dos vehículos especiais que traballaban nas tarefas anti incendio. Foi á altura de Lobeiras.

Para o seu control mobilizáronse 3 técnicos, 8 axentes, 14 brigadas, 9 motobombas, 5 helicópteros e 2 avións. Tamén colaboran a Policía Local de Camariñas e parte das persoas que integran a Agrupación de Voluntarios de Protección Civil.

A Consellería do Medio Rural lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal.
Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085. Así mesmo, toda a información actualizada sobre incendios forestais poderá ser consultada na conta aberta de twitter: @incendios085.