O BNG de Camariñas denuncia que a Xunta ten no “absoluto abandono” o servizo médico
Desde o BNG de Camariñas veñen de denunciar a situación de “absoluto abandono” no que se atopa o servizo médico no centro de saúde de atención primaria na localidade, “debida á nefasta xestión que por desgraza nos ten acostumados a Xunta do PP”.
A formación nacionalista sinalou que desde esta semana, a chamada médica de mar colleu vacacións e non foi substituída, “co prexuízo que iso supón para os usuarios e usuarias do servizo”. Ademais, apuntaron que a médica de terra que viña desenvolvendo o seu labor deixou de traballar no centro médico de Camariñas, e no seu lugar o Sergas asignou un facultativo que só atende tres horas ao día e xa ten a axenda de novembro pechada, polo que a xente que vai a pedir unha cita para dito mes non pode obtela.
“Por se fose pouco, o pediatra que vén atendendo tres días á semana ás nosas crianzas está de vacacións desde hai dúas semanas e a Xunta non cubriu a súa ausencia”, criticou o BNG camariñán, que subliña que o servizo pediátrico “é un servizo moi importante para as familias e a Xunta continúa a maltratalas”.