O BNG volve reclamar a reactivación do minicriadeiro de moluscos abandonado de Camariñas
O deputado do BNG da Costa da Morte, Oscar Insua, demandou no Parlamento galego que a Xunta poña en funcionamento o minicriadeiro de ameixa e outros moluscos situado no porto de Camariñas, “sexa como sexa, e no que puideran participar e traballar tamén á agrupación de mariscadoras da localidade”.
Insua, que acudiu este martes 1 de abril á Comisión 8ª de Pesca e Marisqueo do Parlamento, preguntou á Directora Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Marta Villaverde, sobre as medidas que ten previsto realizar a Consellaría do Mar nas instalacións abandonadas onde se atopa o minicriadeiro , e se está prevista algunha actuación que non sexa a de recuperalas para a actividade de criadeiro de semente.
O deputado do BNG afirmou que “hoxe as instalacións atópanse nun estado lamentable, os teitos rachados, bañeiras rotas e ciscadas, a sala de caldeiras á intemperie, e os motores das bombas oxidados e perdidos, deixando un panorama desolador do que foi un proxecto caro, punteiro e que funcionou á perfección, mais hoxe totalmente esquecido pola Consellaría do Mar, que nin o reabre, nin busca alternativas para poñelo a funcionar”.