Camariñas, Cee e Malpica tinguíronse de rosa en apoio á loita contra o cancro de mama

Danza Rosa en Camariñas

Fin de semana comprometida na comarca na loita contra o cancro de mama. Concellos como Camariñas, Cee e Malpica realizaron accións en colaboración coa entidades locais da Asociación Española Contra o Cancro (AECC) para conmemorar o Día Internacional contra o Cancro de Mama.

Danza rosa en Camariñas

A máis orixinal parécenos a Danza Rosa 2025, que leva artellando o Concello de Camariñas nos últimos anos, aproveitando a tradición da danza de arcos.

A danza partiu ás 16:30 horas da praza do Concello, combinou unha andaina solidaria e unha danza de arcos rosas, á que se sumaron centos de mulleres e homes de todas as idades. O evento concluíu coa representación teatral “Os contos non enchen”, poñendo o broche artístico e emocional a unha tarde dedicada á esperanza, á forza e á unión feminina. “Camariñas é un exemplo de solidariedade, humanidade e compromiso coa vida”.

Malpica de rosa

En apoio a todas as persoas que loitaron ou loitan contra o cancro de mama, o Concello de Malpica únese hoxe a esta causa. Representantes das entidades deportivas do municipio —Sporting de Seaia, U.D. Cerqueda, S.C.D. Malpica e One Surf Academy— participaron no acto para amosar o seu apoio ás persoas enfermas de cancro. Tamén asistiron membros da corporación municipal (PP, PSOE e BNG) e representantes da Asociación contra o Cancro de Malpica. O Concello de Malpica reitera así o seu compromiso coa sensibilización e co apoio a quen afronta esta enfermidade.

Cee vístese de rosa contra o cancro de mama

Este venres celebrouse unha cadea humana impulsada pola Xunta Local da AECC, con motivo do Día Mundial contra o Cancro de Mama, que se conmemorou este domingo 19. Participaron o alumnado dos colexios Vila de Cee e Manuela Rial Mouzo, dos institutos Agra de Raíces e Fernando Blanco, entidades como APEM e os concellos da zona, que iluminaron de rosa as súas localidades como mostra de apoio.
O acto iniciouse e pechouse cunha peza musical simbólica pola causa, e cada centro compartiu mensaxes de ánimo, promovendo a prevención e a investigación.

A AECC agradece a participación e implicación de todas as persoas e entidades que fixeron posible este encontro. As actividades continúan este ano, o Festival Solidario adiántase ao sábado 22 de novembro, cunha nova edición chea de música e baile de grupos da comarca.