Camariñas colga o cartel de completo cunha visita chegada dende as illas Baleares

Os hosteleiros de Camariñas colgan xa o cartel de "completo" para a próxima fin de semana. O motivo é a visita dun grupo chegado das illas Baleares e que forman parte do coro de Mestres Cantaires da Universitat de les Illes Balears que visitan a zona co fin de ofrecer varios concertos. O primeiro deles será o domingo, ás 13:00 horas, na Casa do Alemán de Camelle e pouco despois, ás 20:00, ofrecerán outro na igrexa parroquial de San Xurxo de Camariñas acompañados do coro municipal. A visita tamén servirá para inaugurar dúas exposicións de artistas baleares no Museo Man de Camelle. Unha delas é de Ferrer Guasch, coñecido como "O pintor da luz de Ibiza". A mostra está composta por seis cadros. E a segunda das exposicións leva por título "Art per a la vida 2" que reúne a obra gráfica de 62 artistas de Mallorca. As exposición estarán en Camelle, grazas a colaboración da consellería Cultura, Participació I Esports do Goberno de Baleares e do Institut d’estudis Baleárics. A relación de Camariñas coas illas Baleares e cos seus artistas remóntase á catástrofe do Prestige onde milleiros de voluntarios procedentes das illas acudiron a limpar as costas camariñanas, e onde os seus artistas colaboraron cunha exposición e aportando o produto da mesma para a recuperación das nosas costas. "Hai unha persoa que agora non está na vida política pero que sigue vindo todos os anos a Camariñas. Foi quen nos propuxo estes actos e nós aceptámolos";  sinala Juan Carlos Canosa, concelleiro en Camariñas. A presencia desta delegación, cargada dun forte simbolismo e dun profundo afecto entre Camariñas e Baleares, ten tamén unha repercusión económica notable para o sector hosteleiro local por cando, durante ese fin de semana, están practicamente reservadas tódalas prazas hoteleiras pola delegación balear. Fonte
  • Redacción QPC (info@quepasanacosta.com)