Comezaron as obras de humanización da Praza de San Xurxo en Camariñas

Esta semana deron comezo as obras do proxecto para a reordenación e acondicionamento da Praza de San Xurxo. A actuación conta cun orzamento de 214.490,17 euros e permitirá gañar espazo para os peóns e mellorar a accesibilidade.

Os traballos consisten na creación de zonas peonís que contarán cun pavimento enlousado de pedra granítica e estarán separadas da calzada por un bordo. Tamén se humanizará o espazo coa instalación de luminarias, mobiliario urbano e árbores. Todas estas obras garantirán a accesibilidade, eliminando as barreiras arquitectónicas que agora si existen.

Por outra banda, o proxecto inclúe a creación dun parque infantil e a renovación da rede de augas fecais existente, instalando unha canalización para a recollida e evacuación de pluviais.