Camariñas e Vimianzo triunfan na feira Xestur

O Concello de Camariñas e o Concello de Vimianzo foron dous dos 45 municipios e xeodestinos que participan na undécima edición da Feira de Festas de Interese Turístico (FESTUR) que se celebra en Silleda desde hoxe, xoves 5 de xuño, ata o domingo, 8 de xuño. A Mostra do Encaixe e a gastronomía Irmandiña foron protagonistas.

A Mostra do Encaixe

A Mostra do Encaixe de Camariñas Deputación da Coruña é o principal reclamo do stand do Concello, no que as persoas que visiten a feira poderán ver a colección gañadora do XXXI Concurso de Noveis Deseñadores, ‘Mitra’, de Estafanía Orgaz e Pedro Orgaz; diferentes pezas das coleccións de Mariví Santos Atelier e de Ana Miguéns, participantes do desfile de ArtEncaixe.

Ademais, haberá demostracións e venta de encaixe de Camariñas coa presenza das asociacións Rendas e Puntillas.
Na inauguración da feira estiveron presentes a alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua, e as concelleiras Encarna Liñeiro e Begoña Tajes.

Festur reúne, durante os catro días, a máis de sesenta festas de interese turístico de Galicia, a maior cifra desde que se puxo en marcha este certame no ano 2014.

A Gastronomía Irmandiña

Tamén estivo o concello de Vimianzo. O vimiancés Fabián Mouzo foi o encargado de realizar un showcooking no que puxo en valor as dúas celebracións recoñecidas como Festa de Interese Turístico: a Faguía de Carnés e o Asalto ao Castelo.

Fabián Mouzo en acción


Durante a demostración culinaria, Mouzo elaborou dous pratos que encarnan o espírito destas festividades. Por unha banda, preparou os tradicionais callos da Faguía e, pola outra, sorprendeu ao público cun pincho irmandiño, cuxa característica principal é que só poden empregarse os ingredientes dispoñibles en Galicia na época da Revolta Irmandiña.

Nesta ocasión, a súa proposta incluíu fabas verdinas de Coristanco guisadas con caldo de carabineiros - responsables do seu sabor a mar e da intensa cor vermella - acompañadas dunha vieira á prancha e rematadas cun toque de po de aceituna deshidratada.