O Concello urxe á compañía R Cable a que restableza o servizo de Internet en todo o municipio

O Concello de Camariñas enviou onte, venres 9 de maio, unha reclamación a R Cable urxindo á compañía a que restableza o servizo de acceso a Internet en todas as zonas afectadas do municipio á maior brevidade posible.

No texto, a alcaldesa Sandra Insua manifesta a súa “enérxica protesta” debido á interrupción do servizo de acceso a Internet que está a afectar a varias zonas do Concello desde o pasado martes, 29 de abril, e que “está a ocasionar graves prexuízos tanto aos cidadáns particulares como ao funcionamento de empresas e servizos esenciais”.

Esta incidencia xa foi comunicada á empresa en reiteradas ocasións, solicitando unha solución urxente, tanto por parte do Concello de Camariñas como de veciños e veciñas afectados. 

No documento alégase que “a falta de acceso a un servizo básico como é Internet supón un grave inconveniente que dificulta o normal desenvolvemento da vida cotiá e da actividade económica. Esta situación é especialmente preocupante dado que se prolonga xa durante varios días sen que, ata o momento, se teña restablecido o servizo nin se nos teña proporcionado unha explicación satisfactoria nin un prazo estimado para a súa resolución”.

Por isto, desde o Concello solícitase a R Cable que “se tomen as medidas oportunas con carácter de urxencia para restablecer o servizo de acceso a Internet en todas as zonas afectadas á maior brevidade posible; que se nos informe detalladamente sobre as causas que provocaron esta interrupción prolongada do servizo; que se nos comunique o prazo estimado para a completa restauración da conexión; que se consideren as compensacións pertinentes aos usuarios afectados polos prexuízos ocasionados”.