De Zas á Ponte do Porto para ver ao pediatra

Imaxe do Centro de Saúde de Zas Cando Vanessa Camafreita nos contaba pormenorizadamente cales son as consecuencias dos recortes no servizo de pediatría no Concello de Zas, deixaba clara a problemática. Este pasado martes 13 de novembro tivo lugar a escenificación da situación real á que se enfrontan ducias de familias do concello zaseiro, e doutros numerosos puntos da bisbarra, onde os recortes son semellantes, provocando que concellos diferentes compartan profesionais e teñan menos horas de atención. Un pai acodía arredor das 10:00h da mañá ao centro de saúde de Zas coa súa filla, que presentaba unha dor abdominal aguda. Ao non atoparse a pediatra na consulta neses momentos (o horario de atención, repartido entre os centros de saúde de Zas e Baio, é de 12:00h a 15:00h), a administrativa do centro de saúde, cumprindo en todo momento co protocolo establecido, falou coa ATS de pediatría para a valoración do caso. A ATS derivou o caso ó pediatra máis cercano, neste caso o da Ponte do Porto (Camariñas). “Por sorte, a nena está ben. Pero nese traxecto de case 30km estase perdendo un tempo esencial para a saúde e a vida da menor”, valora Camafreita, voceira da Plataforma Zas sen recortes en Pediatría. De feito, a coordinadora da Plataforma veciñal esixe “explicacións do sucedido, posto que na reunión que mantivemos co señor Luis Verdes (xerente da Área de Xestión integrada de A Coruña) deixounos claro que en casos como estes, o médico de cabeceira ten a obriga de atender ós nenos”, explica. En todo caso a Coordinadora non pon en dúbida a profesionalidade de ningún facultativo do centro e achacan o sucedido aos recortes que sofre o servizo de pediatría dende o mes de xuño. “Porque este feito ou outros que podrán chegar non pasarían se tivesemos un sanitario 35 horas á semana”, reitera a Plataforma.

Novas relacionadas

https://quepasanacosta.gal/un-viral-zaschallenge-para-seguir-loitando-por-un-zas-sen-recortes-en-pediatria/ https://quepasanacosta.gal/queremos-pensar-que-se-conseguimos-recuperar-o-pediatra-en-zas-estamos-axudando-a-outros-lugares-que-tenan-o-mesmo-problema/ https://quepasanacosta.gal/zas-sae-a-rua-por-unha-sanidade-publica-digna/ https://quepasanacosta.gal/a-falta-de-pediatras-o-insan-costume-do-sistema-sanitario-galego/ https://quepasanacosta.gal/o-concello-de-zas-denuncia-o-mal-funcionamento-do-servizo-de-pediatria-nos-seus-centros-de-saude/