Defenden o investimento social do Concello de Camariñas

A concelleira Begoña Tajes como traballadoras do equipo de SS

O Concello de Camariñas reafirma o seu compromiso co benestar da cidadanía destinando máis de 1 millón de euros anuais ao conxunto dos Servizos Sociais municipais, o que supón un investimento de 196 euros por habitante. Esta cifra reflicte o esforzo do goberno local por manter e mellorar unha rede de atención social próxima, profesional e eficaz.

O Servizo de Axuda no Fogar (SAF) é un dos piares fundamentais desta política social. Conta cun equipo profesional integrado por unha psicóloga, unha traballadora social, unha educadora familiar, unha educadora de adultos e un administrativo, que ofrecen acompañamento e apoio continuado ás persoas e familias que máis o precisan. Ademais, existe un servizo de asesoramento xurídico que atende todos os sábados. 

Segundo destacou a alcaldesa de Camariñas, Sandra Ínsua, “este investimento é unha mostra clara de que as persoas son o centro da nosa acción de goberno. Apostamos por un modelo de servizos sociais próximo, humano e de calidade, que dea resposta ás necesidades reais da veciñanza”.

“Continuaremos reforzando as políticas sociais e os programas de atención, prevención e inclusión, co obxectivo de garantir o benestar e a igualdade de oportunidades para toda a poboación”, sinalou a concelleira de Servizos Sociais, Begoña Tajes.