Dez mozos da Costa da Morte realizan prácticas laborais en Europa

Os participantes no programa teñen entre 22 e 24 anos e proceden de diferentes disciplinas Un total de dez mozos e mozas da bisbarra desenvolven estes días as súas prácticas laborais - oito en Londres e dúas en São João da Madeira - no marco do programa Galeuropa que promoven os concellos de Camariñas, Carnota, Dumbría, Mazaricos, Muxía, Vimianzo e Zas co financiamento da dirección xeral de Xuventude da consellería de Traballo e Benestar Social. Tres concellos de Galicia participan este ano en Galeuropa: Ourense, Negreira e Camariñas en representación de Galeuropa - Costa da Morte. Os dous últimos viaxaron xuntos a Londres. Grazas ao programa de Mobilidade Transnacional Xuvenil Galeuropa, os mozos realizan prácticas laborais non remuneradas de máis de 150 horas ao mes en empresas vinculadas á súa formación académica ou a súa experiencia laboral. Durante dous meses reforzarán as súas competencias profesionais e lingüísticas, incrementando as súas posibilidades de inserción laboral e o coñecemento do inglés ou do portugués.
Con este tipo de prácticas os participantes reforzan as súas habilidades profesionais e lingüísticas Perfís profesionais Os participantes teñen entre 22 e 24 anos e unha formación que vai desde o ciclo medio de formación profesional ata o grado ou master universitario. En Londres fan prácticas en diversos postos de traballo como: enxeñeiro nun laboratorio de probas de material deportivo; enxeñeira nunha importante empresa de construción de obra publica; deseñadora nunha revista online; técnica de relacións humanas nunha empresa de selección de persoal; asistente nunha compañía de publicidade en internet e educadora infantil nunha granxa escola. As empresas adáptanse aos candidatos e teñen en conta o seu currículo e nivel de inglés para asignar os postos. Á vez que reciben entrenamento e formación, nalgúns casos as persoas en prácticas recorren varios postos, o que lles proporciona unha visión global da empresa. A flexibilidade do programa permitiu que tres persoas cambiaran a empresas máis axeitadas ás súas expectativas e capacidades. Segundo Emilio González, axente de desenvolvemento local do concello de Camariñas e que acompañou a algúns candidatos á súa primeira visita ás empresas, "a satisfacción co programa é xeralizada, e chegouse a dar o caso de que unha das alumnas xa conta cunha oferta de traballo para cando remate a práctica".   Fonte
  • Redacción QPC (info@quepasanacosta.gal)
  • Galeuropa