Inician as obras de adecuación do Museo do Encaixe de Camariñas

Xa están en marcha as obras do Museo do Encaixe de Camariñas

A pasada semana comezaron as obras de adecuación do Museo do Encaixe de Camariñas, unha actuación valorada en 53.482’77 euros e que o Concello cofinancia co programa LEADER do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural a través do GDR Costa da Morte.

Os traballos que se levarán a cabo consisten na adecuación do mobiliario e do espazo da sala expositiva da planta baixa para transformala nun aula de encaixe, así como a mellora da instalación lumínica para adecuala ao novo uso.

Ademais, incorporarase no exterior un sistema de protección solar co obxectivo de controlar a entrada de luz natural na aula. Este sistema estará deseñado en relación á imaxe do encaixe que contribuirá como homenaxe permanente á exaltación e difusión desta tradición.

Por outra banda, adaptarase a zona de acceso para mellorar a accesibilidade, salvando o desnivel existente mediante unha rampla. A intervención tamén permitirá solucionar os problemas interiores de humidades e crear un itinerario expositivo continuo entre a planta baixa e a planta alta.

Está previsto que as obras rematen a próxima semana e, posteriormente, anunciarase a data de reapertura do espazo museístico.