Nerea Pallares gaña o Premio de Novela García Barros 2025 cunha novela ambientada en Camariñas

A portada do libro e Nerea Pallares nunha foto de Isabel Wagemann

Ari chega a Camariñas chamada por un vento vello, por un mar que nunca esquece. Sen saber por que, esa vila labiríntica ten algo que lle fala desde dentro. Ocúpase do museo do encaixe e exerce de guía turística, pero axiña descubrirá que alí as cousas non son como aparentan. As as palilleiras —tamén redeiras, mariscadoras e traballadoras da conserveira— deciden poñer fin á inxustiza e ao esquecemento. Fartas de levar ás costas o peso do mundo, invocan ás arañas: tres forzas da natureza, gardiás dun poder antigo e feminino, que veñen para mudar a orde establecida.

Esta é a sinopse de ”Punto de araña", a novela de Nerea Pallares (Lugo, 1989), que levou o Premio de Novela García Barros 2025. Unha obra que abraza a forza do mar e das voces esquecidas, e que se ergue como unha homenaxe ás mulleres que, en silencio, sosteñen o mundo.
Tecida a varias voces, "Punto de araña" é unha novela mariñeira e coral, unha loa ás redes invisibles que nos salvan e nos sosteñen. “Unha historia de loita, amizade e transmisión entre xeracións. Un berro desde a costa para que as mans que fiaron a historia por fin sexan recoñecidas”, explican dende a editorial Galaxia.

Este venres 20 de xuño, ás 20:00 h, no Teatro Principal da Estrada, celebrarase o acto de entrega á autora.