A nova directiva da AEPT Camariñas toma posesión e reafirma o seu compromiso co tecido empresarial local
A nova directiva da Asociación de Empresarios e Promoción Turística de Camariñas tomou oficialmente posesión dos seus cargos, iniciando unha nova etapa marcada pola continuidade do traballo realizado durante os últimos anos pola entidade. A asociación afronta esta nova etapa con ilusión, responsabilidade e coa vontade de seguir traballando polo desenvolvemento económico e social de Camariñas.
Dende a asociación destacan o seu compromiso de seguir impulsando as actividades, iniciativas e proxectos que se veñen desenvolvendo en favor do comercio, da hostalaría, do turismo e do tecido empresarial do municipio, mantendo a colaboración coas distintas entidades e administracións para continuar dinamizando Camariñas ao longo de todo o ano.
A directiva quixo tamén lembrar que o Centro de Interpretación do Faro Vilán permanece aberto ao público en horario de 10:00 a 14:00 horas e de 15:00 a 18:00 horas, de mércores a domingo, mantendo este horario provisional ata a chegada da tempada de verán.
Encaixe no Camiño
Así mesmo, a Asociación de Empresarios e Promoción Turística informa de que un ano máis levarase a cabo a organización do evento “O Encaixe no Camiño”, que celebrará unha nova edición os días 24, 25 e 26 de xullo. A actividade volverá converter Camariñas nun punto de encontro arredor da tradición, a cultura e a promoción turística da comarca.
Dende hoxe queda aberto o prazo de inscrición para todas aquelas persoas interesadas en participar nesta nova edición.