Visita dos escolares da Ponte do Porto ao mini criadoiro de ameixa de Camariñas. Imaxe de arquivo
O deputado do BNG, Daniel Rodas formulou onte unha pregunta ao goberno na comisión de pesca relativa a posta en marcha do minicriadoiro de moluscos en Camariñas que na actualidade se atopa “abandonado” tras ser pechado en decembro de 2011. Na súa intervención, o nacionalista afirmou que este minicriadoiro exemplifica o “desleixo” do Goberno galego na aposta por producir semente autóctona de moluscos bivalvos e a falta de compromiso da consellería do Mar coas mariscadoras de Camariñas gravemente afectadas pola diminución das extraccións de bivalvos.
O parlamentario explicou que nas instalacións investíronse 1.200.000 euros. "No ano ano 2011 o Goberno viuse obrigado a modificar o que cualificou de “modelo fracaso” por non conseguir converterse nun centro xestionado pola confraría de Camariñas para producir semente autóctona pasando a ser xestionado polo Centro de investigacións mariñas - CIMA - que ademais foi incapaz de contratar o persoal necesario" sinalou o nacionalista. Ademais, engadiu, no inverno do ano 2014 sufriu graves danos provocados polos temporais deixando ás instalacións abandonadas dende entón. "As instalacións e o equipamento seguen abandonadas e na actualidade só serven de aparcamento para o camión da Confraría e deposito de embarcacións inutilizadas" indica o BNG nunha nota de prensa.
Crise do sector
Para o deputado, a situación de abandono do minicriadoiro é “inconcibible” nun momento de grave crise para o sector marisqueiro que dende o ano 2011 diminúe o número de Permex - Permiso de Actividade extractiva -e continúa alcanzando só o 42% no último ano.
O parlamentario lembrou que a proporción das capturas de bivalvos, 47% de berberecho, 23% de ameixa fina ou 55% da volanta fai “urxente” a posta en valor da instalación así como dotar ao sector de semente autóctona para rexenerar os bancos e poder recuperarse tras o mal tempo e os episodios de mortaldade.
Ademais , recalcou que a situación das mariscadoras de Camariñas tornase “acuciante” pasando dunha facturación de 1.412.000 euros no ano 2009 a 368.000 no ano 2015 con caídas alarmantes no berberecho de 138.500 quilos a 15.614 e na ameixa xapónica de 66.972 quilos a 4.464 quilos.
Deterioro
Pola súa parte a directora Xeral, Rodríguez Carballo afirmou que o obxectivo do minicriadoiro nunca foi a produción de semente pero si trasladar ao sector as posibilidades de producir semente de maneira económica e eficiente. Na actualidade, dixo, a instalación “non está moi coidada” pero se están a estudar cambios na cuberta para que non se sigan deteriorando as instalacións e se está a buscar “un terceiro que a poida xestionar”.
O deputado do BNG replicou que, “ do minicriadoiro saía cría para sementar nas praias pero dende o ano 2011 as instalacións están abandonadas e esa é a súa responsabilidade”. Rodas reclamou a reactivación do minicriadoiro no que foi investido 1.200.000 euros, e pode ser recuperado, concluíu.
Novas relacionadas