O BNG cuestiona a postura de PP e PSOE no tema dos furtivos e leva o asunto ao Parlamento

Continúa o BNG traballando a prol da erradicación do furtivismo en Camelle malia a non ter representación na corporación municipal do Concello de Camariñas. Hoxe temos que facernos eco da visión dos nacionalistas sobre a postura do Consistorio en canto ao tema. Os nacionalistas camariñáns láianse de que a corporación municipal, representada por socialistas e populares, “non se pronunciara condenando o furtivismo e apoiando aos percebeiros da Confraría de Camelle na súa loita contra a extracción ilegal de percebes”. O BNG pide que a Consellería de Pesca “escoite as demandas da Confraría de Camelle e dote á mesma de medios humanos e materiais”. Os nacionalistas queren que se implique a todos os sectores no control do furtivismo e da comercialización dos percebes. Para elo, demandan a San Caetano que se constitúa unha mesa de seguimento do furtivismo onde todos os sectores implicados, dende o executivo local ata a Garda Civil, a Xunta ou a Confraría, estean representados. Ao Parlamento O tema xa está no Parlamento de Galicia. O voceiro de pesca do BNG, Bieito Lobería, vén de preguntar ao Goberno galego polas medidas que porá en marcha para combater a acción furtiva que se desenvolve en Camelle. O nacionalista quere saber a avaliación da Consellería do Mar ao respecto e as medidas que tomará para a erradicación desta actividade. Na mesma liña, Lobeira tamén preguntou pola previsión de dotar á Confraría de Camelle dunha embarcación de vixilancia con maior potencia que a actual.

Novas relacionadas

Fonte

  • Notas de prensa do BNG.