O faro Vilán recibe a visita de máis de 20000 persoas durante o mes de agosto

Un total de 20263 persoas visitaron durante o pasado mes de agosto o faro Vilán, o que supón case 500 persoas máis que no mesmo mes do ano anterior. Segundo o balance feito pola asociación de Empresarios e Promoción Turística de Camariñas, máis da metade do total dos visitantes, concretamente un 60% procede do territorio nacional, seguidos dun 28% que proceden da propia comunidade autónoma. Entre os turistas nacionais, destacan os procedentes de Madrid - cun 32% - seguidos dos de Cataluña - cun 16% - e Andalucía e Valencia - ambos cun 9%-. A Coruña foi a principal provincia galega dende a que chegaron os visitantes galegos. En canto aos visitantes estranxeiros, destacan os procedentes de Francia, cun 29% do total dos visitantes de fóra de España, seguidos de Italia (25%), e Alemaña (11%). Por outra parte, a sala de exposicións do faro Vilán acolle ata o vindeiro 30 de agosto a exposición de pintura “50 Faros de Galicia" de Javier Toba.
Novas relacionadas Fonte
  • Redacción QPC (info@quepasanacosta.com)
  • Asociación Empresarios e Promoción Turística de Camariñas