Os alcaldes animan á sociedade costeira a participar na manifestación do sábado por Ferroatlántica

Rolda de prensa de alcaldes da zona para animar a manifestación do sábado
Esta mañá de martes 4 de xullo tivo lugar a rolda de prensa dos alcaldes da comarca animando aos veciños a ir a manifestación que o Comité de Ferroatlántica convocou para este sábado 8 de xullo en Compostela, contra a segregación das actividades e a venda das centrais hidroeléctricas de Cee e Dumbría. Foi un día antes de arrincar a marcha a pé ata Compostela, que durará de mércores a sábado. Serán 50 os traballadores e veciños que fagan os 74 km que separan Brens de Santiago. O propio sábado ás 12:00h, uniranse os “peregrinos” cos manifestantes na Alameda para facer o máximo ruído posible para que escoiten dende San Caetano. Para a cita os Concellos de Camariñas, Carnota, Cee, Corcubión, Zas, Dumbría, Fisterra, Mazaricos, Muxía e Vimianzo están xestionando autobuses. Poden anotarse antes do 6 no 649 09 87 81. Marcha a pé Cee  - Santiago de Compostela Mañá arranca dende Cee unha marcha a pé de traballadores e traballadoras que, en sucesivas etapas, percorrerá a distancia que separa a Costa da Morte da capital galega, a onde chegará o propio sábado pola mañá, antes da saída da manifestación. A portavoz do BNG - Ana Pontón - vén de anunciar que se suma á marcha a pé que arranca ás 8 da mañá dende a praza do concello de Cee e concluirá ás 16 horas no concello de Mazaricos. A dirixente nacionalista fai un chamamento a dar un apoio masivo a esta campaña de mobilizacións emprendida polo cadro de persoal que considera “clave” para evitar o espolio das centrais. “Fago un chamamento a participar nestas marchas e na manifestación en Compostela, porque teño o convencemento de que estas mobilizacións son a clave para paralizar o intento de Villar Mir de facer caixa vendendo estas centrais públicas da que a súa empresa só dispón en concesión”, salientou.

Novas do #CasoFerroatlántica

Artigos relacionados

  Fonte