Pasarela, Areosa, Eirón e Santa Mariña xa quecen motores para as súas festas
Chega tremendamente cargada a Axenda Costa da Morte. Se mañá coñecemos como chega o Carme pola Costa, hoxe apuntamos varias festas que xa están en marcha. Pero non deixen de pasar por www.axendacostadamorte.com a botar un ollo a todas as festas da bisbarra.
Festas de Pasarela
A parroquia vimiancesa de Pasarela xa está a pensar nas súas festas, que se celebrarán a cuarta fin de semana deste mes de xullo. Serán catro días de festexos nos que haberá tempo para a gastronomía e o baile. De feito comezarán o venres 22 cunha gran churrascada a partir das 20:00h. Para facer a dixestión porán a nota musical a orquestra Nova Palma e unha discoteca móbil.
O sábado 23 actuarán pola noite dúas das orquestras máis latinas do panorama musical, como son os canarios Armonía Show e El Combo Dominicano. Xa o domingo será a quenda para os actos relixiosos dende mediodía con misa solemne na honra a Santa Bárbara. Os bailes de misa virán da man da orquestra Nebraska, que estará acompañada do Grupo Ciclón na verbena.
As festas rematarán o luns 25 con misa ás 13:00h na honra á Virxe do Carme e sesión vermú e verbena amenizadas cun dúo musical.
Festas de Santa Mariña
Ademais, a parroquia camariñá de Santa Mariña tamén está de festa os días domingo 17, luns 18 e martes 19 deste mes de xullo. As sardiñas e as orquestras serán as protagonistas.
Festas do Campo de Areosa
Non quedan aí as festas vimiancesas, pois o Campo da Areosa acolle a XIII Festa os venres 15, sábado 16 e domingo 17 de xullo.
Festas de Eirón
A parroquia de Mazaricos prepara tamén a súa festa para o luns 1 e martes 2 de agosto, con orquestras de primeira orde, coma sempre en Mazaricos. Nova Palma e Ciclón estarán o día 1 e a Panorama o día 2 de agosto.
Poden ollar todas as propostas socio cultural en www.axendacostadamorte.com.
Máis información
Fonte
- Redacción de QPC (info@quepasanacosta.gal).