Pequeño Castro: “Ferroatlántica, unha historia de crecemento económico… e de desastre ambiental”

Tubos das centrais hidroeléctricas do encoro de Santa Uxia do Ezaro Non hai moito que falabamos con Pequeño Castro sobre a situación do caso Ferroatlántica. Pasan as semanas e a posición do alcalde e do Concello dumbriés parecen máis e máis comprometidas, ante o gran perigo que supón a segregación das actividades de produción hidroeléctrica das centrais do río Xallas da produción de ferroaliaxes das fábricas de Cee e Dumbría. Hoxe, o alcalde dumbriés que falar en clave de pasado, e faino con dureza sobre as cousas tremendamente negativas que fixo a empresa durante tantos antos na nosa comarca.

”Ferroatlántica; unha mirada desde o esquecemento. Ferroatlántica; lembrando para entender”

Para entender as verdadeiras repercusións e as implicacións da intención de Ferroatlántica de vender as hidroeléctricas da Costa da Morte hai que mirar cara atrás e deterse, só así se poderá comprender o alcance da ferida que se pode infrinxir a toda unha comarca. Esta é unha historia de compromisos, de concesións, de crecemento económico, pero tamén é unha historia de desastre ambiental, de enfermidades e de morte. As actividades de enerxía eléctrica e de ferroaleacións na comarca da Costa da Morte formaron desde as súas orixes unha unidade produtiva única, como queda constatado nas continuas concesións administrativas. A primeira concesión data de 1900 e foi outorgada á Sociedade Hidroeléctrica do Pindo para derivar un caudal de augas do río Xallas co fin de fornecer enerxía á fábrica de ferroaleacións de Brens (Cee), aproveitando a enerxía xerada polo salto do Pindo en Ézaro. Posteriormente outras concesións como as do salto de Santa Uxía, o de Fervenza, o de Carantoña ou o de Ponte Olveira pasaron a mans do grupo Ferroatlántica, que na actualidade ostenta todo o aproveitamento eléctrico do Xallas. Pero este percorrido empresarial entrelázase con outras realidades que comprometen a todo un pobo, como a construción do encoro de Santa Uxia, coa oposición dos veciños que viron as súas terras alagadas e a auga practicamente ás portas das súas casas; ou o prezo que houbo que pagar polos túneles de O Brazal, que percorren 10 duros quilómetros a costa da silicose de centos de traballadores; moitos deles xa non poden contalo, pero aínda son moitos os que lembran as protestas do 68 polas enfermidades ocasionadas por esta industria; ou o desastre ecolóxico que provocou a sobreexplotación do río Xallas, que non funciona como un sistema fluvial natural mais que no inverno, con todo o que isto leva a nivel ambiental. Non sen razón a indignación invade a nosa comarca, ao coñecer as intencións dunha empresa que non repara en deixar orfa a unha poboación; porque despois de todo isto, o legado que nos deixaría Ferroatlántica sería a devastación dunha contorna natural incomparable e a ruína dos máis desfavorecidos. Por agora parece que as negociacións aínda non son oficiais, e que formamos unha fronte común os traballadores do grupo na comarca, os concellos, a Xunta e os grupos parlamentarios na oposición, pero facéndome eco dunha noticia publicada na prensa de onte “Ferroatlántica pisa o acelerador na súa presión para lograr que a Xunta autorice modi car esa concesión e así achandar a venda das hidroeléctricas” sáltanme todas as alarmas e por iso fago fincapé na necesidade de non ceder; espero que a administración non esqueza as condicións sine qua non a que está suxeita esta empresa, que son ben coñecidas e que imposibilitan a legalidade da pretendida disgregación.
  • José Manuel Pequeño Castro, Alcalde de Dumbría.
 

Artigos relacionados

Novas do #CasoFerroatlántica

  Fonte
  • Redacción QPC (info@quepasanacosta.com)