Pull&Bear súmase á moda do encaixe de Camariñas
Unión histórica entre o Concello de Camariñas e marca Pull&Bear. A Galería Belmonte, en Madrid, acolleu onte o acto de presentación da colección cápsula ‘Encaixe de Camariñas x Pull&Bear’, que nace a través dunha unión histórica entre o Concello e a firma Pull&Bear e
que permite consolidar o encaixe como elemento de vangarda na moda actual.
“O encaixe de Camariñas está de moda. Non é un eslogan nin unha frase feita, é unha realidade que hoxe, aquí, queda máis que demostrada
formando parte dunha colección moderna dunha das cadeas internacionais de moda xuvenil máis importantes do mundo”, salientou Sandra Insua.
“Estou moi contenta, estamos dando un paso de xigante dentro da nosa estratexia para posicionar o encaixe como elemento de vangarda dentro da moda actual”, destacou a rexedora, que lembrou que “nunca deixamos de traballar, comezamos colaborando con Zara Home e agora damos o salto á moda xuvenil da man de Pull&Bear”. “Pode que sexa o comezo de algo economicamente importante para a economía e a artesanía local”, expresou.
Segundo explican desde Pull&Bear, esta é “unha cápsula exclusiva de edición limitada que nace como homenaxe á tradición téxtil galega e á icónica artesanía do encaixe. Inspirada na mestría das palilleiras e na riqueza artesanal de Camariñas, a colección traduce o saber facer deste
legado nunha proposta de verán depurada, minimalista e profundamente contemporánea”.
As prendas da colección poderán mercarse de xeito presencial, desde onte ata o domingo 21 de xuño, na pop up instalada na Galería Belmonte ou en pullandbear.com a partir de mañá, venres 19 de xuño.
‘Encaixe de Camariñas x Pull&Bear’
Así explica a marca a incorporación desta artesanía centenaria:
Camariñas non utiliza a artesanía como ornamento; convértea en estrutura. Puntillas, bordados, motivos de encaixe e terminacións festoneadas
articulan cada deseño e funcionan como eixe conceptual e técnico da colección. Estes elementos intégranse en siluetas limpas e estudadas: tops
de colo halter de inspiración lenceira, conxuntos relaxados de liñas fluídas, pantalóns amplos e un vestido midi asimétrico que se posiciona como peza central. O resultado é un diálogo preciso entre herdanza e modernidade, entre o manual e o esencial.
A paleta cromática reforza esta narrativa con brancos rotos e tons crús que potencian a textura dos tecidos e o relevo dos bordados. A luz convértese en aliada, revelando transparencias sutís e xogos de capas que achegan profundidade visual. A colección respira un espírito resort atemporal, pensado para un verán sereno, onde cada detalle adquire protagonismo. O liño actúa como tecido vertebrador. Natural e transpirable, cunha textura lixeiramente irregular que subliña a súa autenticidade, sostén tanto a dimensión artesanal como a construción contemporánea das pezas. A súa caída lixeira achega movemento e favorece volumes orgánicos, equilibrando estrutura e fluidez. A selección de materiais responde a unha intención clara: elevar a tradición a través dunha execución técnica actual.
Entre as pezas clave destaca o xa mencionado vestido midi asimétrico, fluído e etéreo, que concentra a esencia do proxecto nunha silueta versátil e sofisticada. E pezas como os tops halter (creados a partir de panos e fruncidos) reinterpretan códigos lenceiros desde o traballo manual. O
pantalón longo e o short introducen volumes cómodos cun aire mediterráneo, enriquecidos por aplicacións de encaixe nos baixos que achegan contraste e definición. A cápsula complétase cun bralette e accesorios como bandana.