Que foi de Aldea Madeira? Pola formación hostaleira na Costa da Morte

Non hai moito, o novo grupo de Independientes por Concello Camariñas facían unha denuncia polo abandono do complexo de formación hostaleira de Aldea Madeira. I é que falamos dun proxecto pioneiro na zona, que arrincaba polo 2007 e que chegou a formar a 40 alumnos por curso.

Unha formación que se antoxa completamente necesaria para a Costa da Morte, sabendo que o turismo é un dos motores económicos. Algo semellante acontece co agro, pois temos un só centro de formación rural no norte da bisbarra, cando outras zonas como a terra do Xallas ou a Comarca de Soneira deberían ter os seus, para incentivar aos alumnos a continuar co legado das súas familias coidando, profesionalmente, o tan produtivo campo costeiro.

A profesionalización do sector hostaleiro aínda é a día de hoxe unha necesidade máxima. Non son illadas as ocasións nas que sentamos comer nalgún restaurante e case que temos que pedir perdón ante a falta, xa non só de profesionalidade, senón case que de educación, dos camareiros de turno.

E para unha proposta formativa que parecía funcionar, deixouse de coidar. Hoxendía, no canto de cursos de cociña, temos concertos. O Rebumbio da Costa Asosiación Cultural tivo a ben recuperar este abandonado espacio como sala de concertos. Polo menos, non se desfai co tempo.

Novas relacionadas

Fonte

  • Redacción de QPC (info@quepasanacosta.gal).