Raquel Moreira Carril xa ten unha aula de encaixe ao seu nome

Inauguracion da Aula de palillo Raquel Moreira

Raquel Moreira Carril foi durante anos técnica do museo e profesora da escola municipal de palillo. Raquel era unha desas persoas humildes que seguro que se enfadaría se soubese que o Concello de Camariñas lle estaba dedicando unha aula do Museo do Encaixe. Pero así o merece, e por fin, dous anos despois do seu pasamento, o Concello de Camariñas deixa o nome desta gran embaixadora gravado no museo.

Así, onte inaugurábase a aula ‘Raquel Moreira Carril’ no Museo do Encaixe, coincidindo coa apertura ao público dos Museos Municipais. Foi un acto máis íntimo no que participaron a familia da homenaxeada e os seus compañeiros e compañeiras do Concello.

”A Aula de palillo servirá para que os nenos e as nenas de Camariñas sigan aprendendo esta arte milenaria como e o encaixe de bolillos á vez que o visitante poderá visitar exposicións de produtos únicos e de gran importancia no mundo do encaixe internacional”, explicou a alcaldesa Sandra Insua.

Recoñecementos

Insua aproveitou para facer un recordatorio de todos os recoñecementos que está levando a cabo o concello camariñán. Dende o afundimento do Beti Donosti, un barco afundido en Almería onde ían 7 camariñáns, pasando polo nome do pavillón a Víctor Vigo Gerpe.