Recuperando o patrimonio popular dos Foxos do Lobo

Interesantísima a recuperación patrimonial que propón a Asociación Cultural Dequenquén. A través do financiamento da Deputación de A Coruña, vai desenvolver unhas actividades para divulgar o foxo dos Lobos da Costa da Morte, unha trampa para lobos, o único situado na provincia da Coruña, coa singularidade de empregar como barreira natural a liña de costa o ubicarse nas praias de Reira, fronte os demais trampas existentes en Galicia, en zonas montañosas de Lugo e Ourense. A entidade prepara dúas citas. A primeira o domingo 17 de decembro, ás 11:30h na Casa de Pedra de Camariñas, onde estará David Pérez López autor do libro “Os foxos dos lobos: A caza do lobo na cultura popular” un amplo traballo que recolle os foxos segundo a súa tipoloxía e a catalogación deste tipo de trampas en toda Galicia. Falará de como se organizaban e realizan o caza do lobo arredor dos Foxos. Ademais, o 30 de decembro haberá que desprazarse ata o Reira, ata o mesmo Foxo dos Lobos, para celebrar unha recreación dunha batida de lobos no foxo a partir das 11:30.

Un pouco sobre o Foxo dos Lobos

É un foxo de muros converxentes, en forma de V, cun altura superior os 2 metros. No vértice dos muros atopase un pozo cunha profundidade de 2 metros onde se precipitaba o animal. Os muros acadaban unha lonxitude de ata un quilómetro, no caso do de Camariñas, o ser de pequenas dimensións, cando se realizaba a batida do lobo, incrementaban a lonxitude dos muros (neste caso o muro cara o monte xa que o outro remataba na liña da praia) coa xente collida das mans, creando un cordón humano na mesma liña do muro.
Imaxe dun foxo do lobo de muros converxentes

A historia das batidas de lobos en Camariñas

Contan dende Dequenquén como se realizaban as batidas na zona de Camariñas, nas que participaban clérigos, soldados e campesiños nas xornadas sabatinas. Así o aseguraba un Decreto ditado polo arcebispo Xelmírez, recollido na Historia Compostelana. ”O monteiro maior era o que organizaba e dirixía a batida. Os veciños das aldeas circundantes eran convocados á batida por medio fogueiras colocadas estratexicamente nos outeiros (topónimos Alto da Vela e Monte da Vela no mapa) que circundaban a chaira ou groba, ou o sitio de paso dos lobos, onde se erguía o foxo. Dende o monte da Vela o fume indicaba os paisanos de Brañas Verdes e Santa Mariña o inicio da batida, así mesmo dende o alto da Vela en Camariñas convocábase os veciños de Mourín e Buría. O topónimo Cova dos Lobos, indica lugares comúns ou habituais da existencia de guaridas de lobos. Lugar habitual para comezar a batida. ”O monteiro maior, despois de reunida as xentes dos pobos, facía unha distribución do persoal. Un grupo disposto no foxo para prolongar as súas dimensións o ser o de Camariñas de pequenas dimensións non superando os 100 metros no seu muro maior, o outro o máis numeroso, o monteiro maior, dispoñíaos o longo do monte con paus, cos cales petaban na maleza existente, para provocar o levantamento e fuxida do animal, outros con aparellos de cociña (tapas de tarteiras ou elementos de ferro) provocaban ruído no seu bater entre ambos coa intención de espantar o animal. O importante na batida era non deixar ocos libres polo que o animal puidera fuxir. Levantado o animal íano pechando para que entrara no foxo. O pozo era tapado con xestas ou toxos para que non vira o burato existente”. ”Unha vez que caera na trampa, o non poder saír, rematábano a pedradas ou cun chuzo. O animal sen vida, era paseado polos pobos participantes en romaría, para que todo o mundo puidera contemplar a presa atrapada, ben portado cun pau polo medio entre dous homes, ou nun carro tirado por animais”.

Novas relacionadas

Fonte

  • Redacción de QPC (info@quepasanacosta.com).