Reira acollerá unha recreación en vivo dunha batida no Foxo do Lobo

Comezaron as Xornadas de posta en valor do Foxo do Lobo da Asociación Cultural Dequenquén a pasada fin de semana cunha conferencia da man de David Pérez López. Pero a sesión máis esperada é que a se vai celebrar este vindeiro sábado 30 de decembro a pé de mar.

A entidade organiza unha recreación da batida do lobo neste tipo de trampas que se facían dende a Idade Media. Realizarase cunha visita en vivo ao foxo dos lobos que hai nas praias de Reira (Camariñas). Para a cita cómpre levar calquera trebello que faga ruído (tellos de potas, carracas) e un calzado axeitado, tipo botas, para camiñar polo monte. Dende a praza do concello as 11:00 sairá un autobús para tódolos participantes.

Recreación da Batida

A idea é remontarse e facer unha recreación como a que nos conta Dequenquén:

Ínstase aos clérigos, soldados e campesiños a que persigan aos lobos os sábados, agás Pascua e Pentecostes e que preparen os precipicios que o vulgo chama foxos. Decreto ditado polo arcebispo Xelmírez, recollido na Historia Compostelana. O monteiro maior era o que organizaba e dirixía a batida. Os veciños das aldeas circundantes eran convocados á batida por medio fogueiras colocadas estratexicamente nos outeiros (topónimos Alto da Vela e Monte da Vela no mapa) que circundaban a chaira ou groba, ou o sitio de paso dos lobos, onde se erguía o foxo. Dende o monte da vela o fume indicaba os paisanos de Brañas Verdes e Santa Mariña o inicio da batida, así mesmo dende o alto da Vela en Camariñas convocábase os veciños de Mourín e Buría. O topónimo Cova dos Lobos, indica lugares comúns ou habituais da existencia de guaridas de lobos. Lugar habitual para comezar a batida. O monteiro maior, despois de reunida as xentes dos pobos, facía unha distribución do persoal. Un grupo disposto no foxo para prolongar as súas dimensións o ser o de Camariñas de pequenas dimensións non superando os 100 metros no seu muro maior, o outro o máis numeroso, o monteiro maior, dispoñíaos o longo do monte con paus, cos cales petaban na maleza existente, para provocar o levantamento e fuxida do animal, outros con aparellos de cociña (tapas de tarteiras ou elementos de ferro) provocaban ruído no seu bater entre ambos coa intención de espantar o animal. O importante na batida era non deixar ocos libres polo que o animal puidera fuxir. Levantado o animal íano pechando para que entrara no foxo. O pozo era tapado con xestas ou toxos para que non vira o burato existente. Unha vez que caera na trampa, o non poder saír, rematábano a pedradas ou cun chuzo. O animal sen vida, era paseado polos pobos participantes en romaría, para que todo o mundo puidera contemplar a presa atrapada, ben portado cun pau polo medio entre dous homes, ou nun carro tirado por animais.

Un vídeo animado

 

Fonte

  • Redacción de QPC (info@quepasanacosta.com).