Unha #AxendaCostadaMorte de Enterros e troulas
Traca final do Entroido e a #AxendaCostadaMorte está a rebentar. Xa foron aló figuras como o Facundo, pero esta fin de semana toca a Mikaela, o Farruco, o Faustino, O Polbo, a Sardiña, o Percebe… persoeiros e figuras singulares que fan os nosos entroidos os máis envexados de toda Galicia.
Pero lamentablemente teremos outra finde máis na que o tempo non acompañará, como nos contan no exclusivo parte costeiro os amigos de 4gotas.com:
O venres será un día pasado por auga, no que se acumularán importantes cantidades de chuvia e haberá vento forte do suroeste, con refachos de 70-90 km/h.
O sábado calmará un chisco o vento. Só teremos orballos nos puntos altos e no litoral sur da Costa (de Fisterra a Muros), pero a partir do mediodía volverá a zoar o vento e volverán as chuvias a toda a Costa da Morte.
Na madrugada do domingo o vento rolará ao oeste, e na mañá será do noroeste. Seguirá zoando forte e ademais de traer máis chaparróns (caerán algo máis espallados no tempo, pero serán intensos) traerá unha baixada das temperaturas. Irá frío na tarde do domingo (e toda a vindeira semana) e algún deses ballóns virá acompañado de saraiba e mesmo de auga neve na tarde-noite nos puntos máis altos da Costa.
Ollo outra vez ao mar. Non será tan alto coma a fin de semana pasada pero volverá a estar moi perigoso como nos contan na predición completa en www.4gotas.com.
A Mikaela de Buño
Son os Enterros os grandes protagonistas desta fin de semana. E unha das citas máis importantes é a Mikaela e Buño é a gran festa da mocidade de toda a comarca de Bergantiños. Cámbianse xerros de Buño por copas de cubata, para que a tarde do sábado 13 sexa de verdadeira troula.
Os Entroidos de Malpica
Ademais, o domingo será o día dos outros Entroidos de Malpica, co percorrido dos Madamitos e Ghuadineros por Cerqueda, e os enterros do Farruco en Seaia e do Faustino en Malpica.
O Enterro do Cayetano
Tremenda a historia do Cayetano. O venres 12 despedirán ao simpático personaxe de entroido, o Cayetano. Durante a misa, o bispo dará as últimas maldicións ao Cayetano e as súas viuditas, con grandes doses de amor, botaranlle os seus responsos e coplas que seguro sacarán máis dun sorriso.
Queima do Polbo de Fisterra
A traca final do Entroido de Fisterra, será o sábado 13 de febreiro, coa Queima do Polbo, que terá lugar ás 18:00h na Praia da Ribeira, e que será todo un espectáculo dirixido e amenizado por Roberto traba velay.
Queima do Percebe de Muxía
Por Muxía toca de novo a Queima do Percebe, que tan boa acollido tivo o ano pasado. A partir das 19 horas haberá unha concentración diante do edificio de servizos múltiples e logo o cortexo fúnebre fará un percorrdio pola vila. Despois da queima do percebe repartirase chocolate entre todos os asistentes que pasarán un anaco divertico coa música de Xaramiños do Corpiño.
Enterro da Sardiña en Corcubión
Avante o II Enterro da Sardiña de Corcubión. A comitiva arrincará cos viños este sábado 13 ás 12:00h, para darlle o remate ao Entruido deste ano 2016.
Enterro da Sardiña en Camariñas
Familiares e amigos da Sardiña participarán no seu Enterro, que comezará co velorio que será na Casa de Pedra ás 18:30. Agradécese vor de loito e chorar moito. O séquito sairá, se o tempo acompaña, hacia a Praza do Mercado onde será o funeral e inhumación da querida sardiña.
Entroido de Cee
Xa se está facendo famoso este Concurso de Comparsas do Entroido de Cee no Sábado de Piñata. Hai 4.500€ en premios, e será presentado por Paco G. Cobas, presentador do programa Collidos nas patacas da TVG. Se a climatoloxía o permite, nada menos que 10 comparsas e uns 400 participantes darán colorido e animación ás rúas da vila ceense a partir das 16.30 horas. Estarán moi ben representadas as comarcas de Fisterra (7 comparsas: Los niños del coro e A Charca de Fisterra; Alicia no País das Marabillas de Corcubión; Buxantes Calidade de Dumbría e Lirex, a ultima aldea de gala; O Titanic de As caldeiras de Gures e a comparsa invitada Mundo Star Wars de Cee (esta participará no desfile e actuación pero sen optar ós premios en metálico por estar formada maioritariamente por cativos). Da Terra de Soneira chegan dúas comparsas: a da Asociación Tribusquiña de Vimianzo e Ponte a bailar desde a Ponte do Porto (Camariñas); mentras que desde as Terras de Muros-Noia, chegará a comparsa da Asociación Ximiela de Louro.
Entroido de Baíñas
O sábado será o Día grande do Entroido en Baíñas. O polideportivo encherase a partir das 19:30 de premios, xogos, inchables, música e comidas típicas do entroido.
Outras citas culturais
Ademais, para completar as citas entroideiras, temos outras cousas que poderán gustar.
- Venres Cultural en Carballo: A Panadaría de Pan Pan será o espectáculo de teatro que veremos o venres ás 21:00h no Pazo da Cultura.
- Febreiro Pequeneiro en Vimianzo: Comeza o programa cultural en Vimianzo pensando nos máis peques o sábado ás 18:30h con Tanxarina Títeres.
- Concerto de Malpaso en Vimianzo: Os maiores poderán disfrutar do Concerto de rock sureño de Malpaso no Celme Café na noite sabatina.
- Concerto de Leo KcH en Cee: o rapeiro ceense estará no Wookstock a noite do sábado presentando o seu novo traballo.
- Teatro en Mazaricos: O grupo de teatro local estrea unha obra realizada por Mari Carmen Rey Núñez.
Máis información
Fonte
- Redacción de QPC (info@quepasanacosta.com).