Volven pedir un plan global de viabilidade de xestión de moluscos bivalvos na ría de Camariñas

O BNG vén de solicitar á Xunta de Galiza que elabore un plan global de viabilidade de xestión de moluscos bivalvos na ría de Camariñas, tendo en conta a situación “máis que alarmante” do sector marisqueiro no municipio camariñá na actualidade, “con falta de recursos e de solucións que sumiu ás mariscadoras na total desesperación”. 

Os nacionalistas sinalaron que a día de hoxe todas as praias están pechadas para levar a acabo as actividades extractivas, e ata agora case todos os intentos por reactivar os bancos de marisco tiveron un resultado negativo. “E nos meses de verán só unhas poucas das traballadoras do mar estiveron removendo os fondos para osixenar e facilitar a reprodución nun dos bancos, cunha axuda de 15.000 euros que non dou máis que para pagar o seguro nese pequeno período e para facer outra pequena solta de semente”, subliñaron desde o BNG.

“A única metodoloxía pola que se está a lograr certa supervivencia do marisco é sementando a cría baixo redes, pero esa non parece ser unha vía de futuro, dado que cando proceden a soltala para que engorde, o marisco non sobrevive por razóns que aínda non se explicaron publicamente”, indicou a formación nacionalista, que  salientou que “as mariscadoras queren saber exactamente que é o que pasa, porque nas rías próximas si hai bivalvos e na súa ría non colleron nin 5 quilos entre todas en todo o verán”. 

Desde o BNG advertiron que  as últimas axudas publicadas este ano pola paralización temporal das mariscadoras a pé non son válidas para  as traballadoras de Camariñas, pois un dos requisitos para obter a condición de persoa beneficiaria é ter levado a cabo unha actividade extractiva de cando menos 120 días durante os anos 2023 e 2024, realizados nas modalidades de marisqueo xeral ou de recursos específicos.
Oscar Insua manifestou que “a Xunta de Galiza gobernada polo PP non fai máis que castigar os sectores produtivos da Costa da Morte, só veñen ás festas gastronómicas e a sacar fotos. Vai ser que este ano e o vindeiro non van poder comer ameixas nin berberechos de Camariñas, e moita da culpa é deles, por ter abandonado o sector desde hai anos, o cal está xa está moi farto”.