Respresentantes de "SemecachaDESscóntovos" explicaron onte os obxectivos da campaña comercial
A proximidade e a forza dos grandes centros comerciais obriga ao pequeno comercio a unirse e a idear campañas que resulten do máis atractivas para os potenciais clientes. Así que corenta e dous establecementos de Carballo deciron ser os promotores da campaña "SemecachaDEScóntovos" na que sortearán agasallos e farán descontos.
Por compras superiores aos 30€ nunha das tendas que participan na promoción, o cliente recibe unha tarxeta ilustrada por Laura Tova que no reverso ten un rasca con premios e que no anverso ten unha imaxe dun ratiño en distintos momentos do día. Estas tarxetas son por si mesmas un agasallo, xa que se trata dunha postal cunha ilustración da que se poden coleccionar as setes imaxes para facer unha secuencia/conto (de ahí o título da campaña "se me cachades cóntovos"). Ademais, os clientes poden acadar outros premios como vales desconto de un 15 por cento, de un 10 por cento, ademais de outros agasallos ilustrados por Laura Tova: chapas, cadernos, bolsas e camisetas. A campaña desenvolverase entre o 18 de decembro e o 5 de xaneiro, (ou ata fin de existencias) e tamén ten unha filosofía definida da que se encargou o sociólogo Santi Pazos, que asegura que "a cultura tamén forma parte da economía produtiva". Así, o responsable da campaña, Xosé Regueira, concelleiro de Promoción Económica do concello de Carballo, asegura que "SemechaaDEScóntovos" une cultura, arte, e tecido produtivo "para promocionar as compras no comercio de proximidade" aproveitando a raigame cultural dunha vila como Carballo. Aos descontos sumaranse diversas accións de dinamización comercial durante todo a campaña de Nadal.
Concurso de fotografía
Para apoiar a campaña nos comercios, a iniciativa complementarase ao mesmo tempo cun concurso de fotografía nas redes sociais do concello. Os participantes realizar unha foto nun dos comercios participantes na campaña de promoción e logo subila as redes co hashtag #semecachaDEScóntovos. Na foto, ademais do propio comercio, debe sair algún elemento identificativo da campaña (cartel, díptico, postal, etc.). Cada foto acompañarase dunha pequeña descrición do lugar e momento en que foi sacada a fotografía e as imaxes deben ser acordes coa finalidade da campaña para retratar e visibilizar de forma positiva os comercios de Carballo. O premio será un lote de produtos de Laura Tova e un vale do 50 por cento de desconto para a próxima compra no comercio da foto premiada na campaña (a utilizar até o 31 de marzo e ata un máximo de 200 euros).
Os 42 establecementos que participan na campaña son os sequintes: Adamela, A Fragua de Mo, Akira, Alesi, Alonso Moda, Amai-Store, Amar Moda, Atelier, Ave Paraïso, Bambalinas, Bambola, Barreiro O Zapateiro, Bells, Bema, Box, Calzados Lolita Anido, Carapuchiños, Centro de Masaxes Luisa Rabuñal, D&A Complementos, Don Camilo, Emiliano, Esprit Carballo, Fontanería Arán, Gervasio, Hadas y Piratas Moda Infantil, Hiperpapelería Carlin Carballo, Infinity Carballo, Interfilm, Joyería Calvelo Seoane, Mar de Encuentros, Mercería Vainica, Miriñaque, Modas Eva, O Armario de Pati, O Recuncho Ecolóxico, POPPY, Tasmania, Teirón Surf, Todo Lar (A Milagrosa), Vileco-Mix, Zapatería Esther, Zocas.
Concurso de escaparates
A campaña "SemecachaDEScóntovos" complétase co concurso de Escaparatismo de Nadal que ten como principal obxectivo promover actuacións que dinamicen o comercio local e premiar o esforzo dos participantes no coidado da imaxe comercial dos seus establecementos e no que hai 41 tendas inscritas. Os escaparates deberán estar preparados ás 19.00 horas do luns 14 de decembro de 2015, momento a partir do cal o xurado poderá visitar os locais. A decoración non poderá desmontarse antes do 25 de decembro, para que a xente poda gozar dos escaparates durante as festas de Nadal, e os comercios deben comprometerse a manter o escaparate iluminado alomenos até as 22.00 horas entre os días 14 e 25 de decembro. Respecto dos premios, está previsto que o concurso que reparta dous mil euros, con 1.000 euros para o establecemento gañador, 500 para o segundo clasificado, e un terceiro e cuarto premios por 250 euros cada un.
Para pechar as actividades de dinamización, o sábado 2 de xaneiro haberá unha xornada comercial na que as tendas estarán abertas até as 23.00 horas. O Mercado contará con obradoiros e actividades para nenos e nenas de 17.00 a 21.00 horas para facilitar as compras das nais e pais, e ademais, haberá animación de rúa con maxia ou teatro nas tendas, que ofrecerán tamén un ágape aos clientes e clientas. Todo co obxectivo, en verbas de Regueira, presente na rolda de prensa xunto con Laura Tova, Santi Pazos e representantes de moitas das tendas participantes, de que "a xente quede a comprar en Carballo" e os cartos gastados na vila "revirtan no benestar dos veciños e veciñas". En Nadal, en Carballo, "SemecachaDEScóntovos".
Fonte