55 persoas fórmanse en Carballo nas competencias clave para optar aos certificados de profesionalidade

competencias-clave-carballo O alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, deu a benvida aos alumnos e alumnas que están a formarse nas competencias clave para optar aos certificados de profesionalidade. Son 55 persoas, divididas en dúas quendas, que teñen moi claro que precisan unha titulación que lles permita acreditar a súa experiencia, mellorar a súa situación laboral e, en moitos casos, retomar os seus estudos. O alcalde animounos a aproveitar a formación que lles ofrece a Bolsa de Traballo do concello de Carballo de forma gratuíta, e expresou unha vez máis o compromiso da concellaría de Promoción Económica e do goberno municipal coa formación e o emprego. O obxectivo do curso organizado pola BDT - por cuarto ano consecutivo - é formar ás persoas participantes para que poidan presentarse nas mellores condicións ás probas de avaliación en competencias clave convocadas pola Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral para o 13 de maio. As clases, de feito, prolongaranse ata a véspera do exame, que se celebrará no recinto feiral de Silleda. Todos e todas as e os participantes recibirán catro horas semanais de formación en competencia de lingua castelá, outras catro de lingua galega, 10 de matemáticas e 2 de lingua inglesa. Con esta formación o alumnado poderá optar con maior seguridade, confianza e preparación ás probas convocadas pola Xunta de Galicia para obter o certificado de profesionalidade de nivel 2.

Novas relacionadas

Fonte

  • Redacción QPC (info@quepasanacosta.com).
  • Concello de Carballo.