O 8M carballés, da destructoterapia ao concerto de De Vacas

Actividade de destructoterapia en Carballo polo 8M

 Foi diverso este ano o programa polo 8M do Concello de Carballo, centrado na saúde mental e na xestión das emocións.

A xornada do propio sábado 7 de marzo arrincaba no Parque empresarial de Bértoa nunha sesión de destructoterapia. A actividade estivo guiada pola psicóloga Claudia Pradas, que comezou a sesión cunha parte teórica no centro social do polígono na que explicou que é o estrés, como afecta ás persoas e, especialmente, ás mulleres. Durante esta primeira parte, moi participativa por parte das asistentes, abordáronse tamén cuestións relacionadas coa saúde mental e co impacto que factores como os roles de xénero, a presión social ou a sobrecarga de responsabilidades poden ter no benestar emocional. 

A psicóloga Claudia Pradas durante a explicación sobre saúde mental

Actividade práctica

Tras esta primeira parte, o grupo trasladouse ao exterior para realizar a actividade práctica de destructoterapia, unha dinámica de descarga emocional que consiste en liberar tensión mediante o esforzo físico. Tal e como explicou a psicóloga, este tipo de exercicios favorecen a liberación de endorfinas e contribúen a canalizar emocións como a rabia ou a frustración dun xeito seguro e controlado. 

A destructoterapia desenvolveuse seguindo varias fases —introdución, quecemento, destrución e relaxación—, co obxectivo de transformar a descarga de tensión nun exercicio de autocoñecemento e regulación emocional

Concerto de Vacas

Presentación oficial da Vacanal Sinfónica coas autoridades

Foi a Deputación a que trouxo a Vacanal Sinfónica de De Vacas ao Pazo da Cultura na noite do sábado. Un concerto que conmemora o seu décimo aniversario. Inés Salvado, Paula Romero, Faia Díaz e Guillerme Fernández, acompañadas polo Coro da Rá, presentaron unha proposta de gran formato con músicos en directo que revisa o seu repertorio nunha ópera en catro actos. 

Vacanal sinfonica de De Vacas en Carballo

Máis novas do 8M