O concello de Carballo estableceu o sentido único no primeiro tramo da avenida das Flores
O pasado martes á tarde quedou aberta á circulación rodada a avenida das Flores de Carballo unha vez rematadas as obras de urbanización dos 730 primeiros metros da rúa, que forma parte da estrada provincial que une Carballo con Sísamo.
Ademais da parte máis visual, a travesía foi renovada tamén baixo terra xa que se cambiaron todas as canalizacións para que non haxa que romper se e preciso acometer algunha instalación nova. Os traballos foron executados pola empresa Excavaciones y Obras Candal SL cun orzamento de 270.717 euros, financiados pola Deputación da Coruña, titular da vía.
Sentido único
Os cambios tamén afectan á ordenación da circulación rodada xa que o concello implantou a dirección única no primeiro treito da vía - desde o cruce coa rúa da Fábrica ata a intersección coa rúa Caravel - onde quedou establecido o sentido da circulación cara Sísamo. O alcalde, Evencio Ferrero, e a concelleira de Mobilidade, Milagros Lantes, desprazáronse onte ata a avenida das Flores.
A avenida das Flores conta agora con amplos carrís de circulación e beirarrúas cun ancho medio de 2,40 metros. Tamén se plantaron árbores e colocáronse bancos e aparcabicis, pero aínda falta parte do mobiliario urbano, que completará o concello de Carballo proximamente. Ao mesmo tempo, a concellería de Obras e Servizos xestiona a cesión dun solar que permitirá ampliar as prazas de aparcamento na contorna.
Melloras en Entrecruces e Aldemunde
Por outra parte, o alcalde de Carballo e a empresa construcciones López Cao asinaron onte o contrato para a mellora integral da rede viaria secundaria das parroquias de Entrecruces e Aldemunde. O proxecto, que ten un orzamento de
103.000 euros, permitirá actuar nun total de 28.955 metros lineais de pistas en Entrecruces e de 5.601 metros en Aldemunde. As obras, que inclúen a limpeza integral de cunetas e a pavimentación con dobre rego asfáltico de todos os treitos deteriorados, comezarán nos vindeiros días.
Novas relacionadas