A UDC analiza en Carballo a necesidade de aumentar a presenza do galego nas redes sociais

Botou a andar onte o XVII Curso de Verán sobre Dinamización Lingüística, organizado pola Universidade da Coruña (UDC), co apoio da Secretaría Xeral da Lingua da Xunta de Galicia e o Concello de Carballo. Unha cita que servirá para analizar o uso da lingua galega a través das redes sociais e o seu papel como canle de difusión e divulgación. 

A idea é deseñar estratexias e accións para pór en valor e incrementar o uso e a visibilidade do galego nas redes sociais; detectar e estudar problemas e preconceptos existentes arredor do uso da lingua galega e valorizar o galego e a cultura propia como recurso de interese para actividades e proxectos nados das redes sociais.

Un acto de inauguración que contou coa presenza do reitor da UDC, Ricardo Cao; o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero; o secretario Xeral da Lingua da Xunta de Galicia, Valentín García; e a coordinadora do Servizo de Normalización Lingüística da UDC, Marisol Ríos.  

Valentín García aludiu á importancia de “poñer en valor o traballo das persoas que usan o galego nas redes sociais” pero tamén a necesidade de seguir avanzando, e nese sentido destacou a importancia que vai ter o proxecto Nós, (no que tamén colabora QPC) que permitirá xerar os recursos dixitais e lingüísticos precisos para facilitar o desenvolvemento de aplicacións baseadas en Intelixencia Artificial e Tecnoloxías da Linguaxe, “no día a día de todos os galegos e galegas”.

A coordinadora do Servizo de Normalización Lingüística da UDC, Marisol Ríos, puxo de manifesto o escaso uso do galego nas RRSS, pois segundo as últimas enquisas do Instituto Galego de Estatística só un 5% das persoas utilizan exclusivamente o galego ou máis o galego que o castelán nas RRSS ou para navegar por internet. “Precisamos xerar tráfico de datos en galego en Internet para que a nosa lingua acade os mesmos privilexios que as máis privilexiadas”.

O alcalde pechou o acto inaugural lembrando que de anteriores cursos de verán xurdiron iniciativas coma Apego ou Youtubeiras, e animando ás persoas participantes a seguir traballando en “proxectos de futuro que sexan útiles para seguir fomentando o galego entre nós”.

 

 

Así, o programa de relatorios inclúe desde “O impacto das novas tecnoloxías e a intelixencia artificial (IA) na nosa sociedade”, a cargo de Nieves Rodríguez Brisaboa, catedrática da Universidade da Coruña na Área de Linguaxes e Sistemas Informáticos; ao papel do “Tiktok galego e as creadoras galegas”, sobre o que disertará Sara Seco, licenciada en Xornalismo pola USC, ou o papel da divulgación en galego nos diferentes eidos e soportes, tal e como explicará a  presentadora do programa da TVG Dígocho eu, Esther Estévez. 

O papel das redes sociais como canle de divulgación científica para a normalización do galego”, “Vivir en galego” a “Intelixencia artificial e futuro da lingua galega”, a “Actualidade e xornalismo nos contornos podcast e redes sociais”, e o “Galego para todo”; son os títulos das diferentes mesas redondas e relatorios que se celebrarán tamén nestes días.