“A Xunta non ten Carballo entre as súas prioridades”

Ana Pontón en Carballo con Evencio Ferrero

Así de rotundo se amosaba o alcalde Evencio Ferrero o pasado venres na visita da portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, a Carballo. O rexedor aproveitou para trasladar unha batería de medidas que a voceira levará ao debate dos Orzamentos de 2019 no Parlamento Galego, e criticou a falta de compromiso da Xunta co concello. Entre as grandes carencias, Ferrero advirte que "a incompetencia de Feijóo pon en risco investimentos e emprego por falta de solo empresarial". Ambos coincidiron en lamentar que durante estes 9 anos de mandato, "o Executivo do PP non tenlevado a cabo ningún investimento relevante no municipio, nin en infraestruturas, nin en solo empresarial, nin en servizos". E para evitar que siga sendo unha triste realidade, o obxectivo da visita é que as contas públicas recollan as peticións de investimentos que o Executivo local reclama para o concello. Pontón falará no Parlamento en clave empresarial, unha vez que o polígono de Bértoa necesita, co 80% das parcelas adxudicadas, unha nova ampliación. O gorno local tamén abordará na Cámara a circunvalación, imprescindible para aliviar o tráfico mesmo de vehículos pesados que hoxe cruzan a vila e darlle unha alternativa áxil cara o sur de Galiza comunicando con Santiago, Pontevedra e Vigo. Aproveitou Pontón para loubar o traballo dun dos bastións do BNG a nivel municipal en toda Galicia. Pontón proclamou o seu “orgullo” polo traballo realizado polo alcalde nacionalista e por toda a súa equipa de goberno. “Son un exemplo de que a política, se tes un proxecto claro, serve para mellorar a vida das persoas”, recalcou.