Aberto o novo Parque de Chorís que incide nun modelo de urbanismo pensado para a infancia
Espectacular o novo Parque do Chorís. Situado nunha zona na que conflúen os usos residencial, educativo e deportivo, este novo espazo non é só unha área de xogo, senón unha homenaxe á arquitectura e á identidade do barrio.
Un proxecto con alto valor emocional como destacou o alcalde de Carballo, Daniel Pérez: "Hoxe non só inauguramos randeeiras ou tobogáns; hoxe devolvémoslle á infancia carballesa un símbolo do noso patrimonio transformado en diversión. Queremos que os nosos nenos e nenas medren xogando na nosa historia, que sintan orgullo de elementos como este depósito ou o trolebús do Rego da Balsa, porque apropiarse do espazo público é a mellor forma de facer comunidade", sinalou o rexedor carballés.
Porque o elemento central do parque é a torre-depósito de auga, unha estrutura monumental de 8,75 metros de altura deseñada en forma de prisma hexagonal. Esta réplica está pensada para nenos e nenas de entre 4 e 14 anos e ofrece unha experiencia de xogo en cinco planta.
O Concelo lembra a estratexia na política infantil, creando este Parque do Chorís co símbolo do depósito; pero tamén ten en marcha o novo parque do Rego da Balsa; onde a temática vira arredor do antigo trolebús, a electricidade, a auga e o skyline urbano; e a Praza do Outeiro, coa árbore "Carballo" de máis de 6 metros de alto
Con estas actuacións, Carballo consolídase como un referente en urbanismo pensado para a infancia, combinando seguridade (normativa EN-1176), deseño exclusivo e memoria histórica.