O alumnado do pioneiro curso de teleasistencia de Carballo vai collendo experiencia

As alumnas do curso de Xestión de chamadas de teleasistencia, que o Concello de Carballo está a impartir no Fórum dentro do plan de formación para o emprego 2024-25, está en plena formación prática. Nos dez primeiros días de funcionamento da campaña informativa "Cada chamada conta, cada persoa importa," promovida polas entidades sociais Afaber, Apem e Aspaber coa colaboración do Concello de Carballo, foron atendidas 68 persoas: 46 mulleres e 22 homes.

Realizaron 38 chamadas, dirixidas a usuarios e usuarias das tres entidades participantes e a outras dúas persoas do noso concello que solicitaron de maneira expresa un seguimento telefónico regular, con dúas ou tres chamadas semanais, co obxectivo de recibir apoio emocional.

O proxecto piloto continúa desenvolvéndose ata o 12 de setembro, de luns a venres, de 10.00 a 18.00 horas. Podes os teléfonos aos que podes chamar: 604 046 201 – 604 050 235 – 698 198 887 698 193 733 – 698 197 148.

Obxectivos

Os principais obxectivos da campaña son achegar o servizo de teleasistencia á veciñanza, explicando en que consiste e como pode mellorar a calidade de vida de moitas persoas, fomentar o coñecemento e uso de recursos sociais accesibles para persoas en situación de vulnerabilidade e ofrecer unha experiencia práctica de valor para o alumnado do certificado de profesionalidade, reforzando a súa formación a través do contacto directo coa cidadanía.

"Con este proxecto piloto pretendemos que as alumnas poñan en práctica as competencias profesionais adquiridas, que desenvolvan habilidades reais en comunicación telefónica, escoita activa, empatía, resolución e conflitos e rexistro de información, e que participen activamente na sensibilización da comunidade sobre a importancia do coidado, a atención e a escoita", explican dende o Concello, deixando claro que sempre están supervisadas en todo momento por persoal técnico cualificado, para garantir unha atención profesional e segura.