Álvaro de la Vega expón unha mostra vital na Galería Manolo Eirín
A Galería Manolo Eirín (Rúa da Estrella, 17) acolle este venres, 7 de noviembre, ás 18:30 h e con presenza do artista, unha exposición de Álvaro de la Vega. O lucense, afincado durante moitos anos en Corcubión, dá corpo ao tempo, porque o corpo é precisamente o seu material. Desde a madeira tallada ata o caucho reciclado —pasando pola fundición, a cerámica, o papel, o cal ou mesmo a manteiga de porco—, fixo de cada material un espello onde recoñecernos no desgaste.
Os comisarios Manolo Eirin e Manuel Tuset, describe unha exposición que nos fala sobre a persistencia: a do corpo, a do xesto manual, a da materia que se nega a perder a súa memoria. Reúne obras de todas as etapas da súa longa traxectoria, desde os primeiros bosquexos e tallas en madeira ata as súas esculturas máis recentes realizadas con caucho reciclado. Nelas, o humano persiste mesmo nos materiais máis ásperos ou industriais. A madeira aínda lembra a árbore, o caucho lembra a velocidade da estrada e o corpo… o corpo lembra todo.
De la Vega convídanos a pensar coas mans. A súa escultura é unha conversación real coa materia, de corpo a corpo, onde o pensamento maniféstase a través da pel das cousas. As pezas rózanse, pesan, respiran: son presenza fronte á virtualidade invisible do mundo contemporáneo.
Entre as obras expostas destacan os debuxos monumentais realizados con grafito e manteiga de porco, os mosaicos de papel que evocan a arquitectura da capela de San Caralampio (Illa da Toxa), as esculturas encaladas que lembran o xesto de curar a cortiza das árbores, e as súas novas pezas en caucho reciclado de pneumáticos, onde o humano e o mecánico abrázanse como sobreviventes dunha catástrofe compartida.
Desde o seu taller en Corcubión e o seu estudo en Rianxo, o artista mantén unha relación tectónica e artesanal coa materia, con ese sentido do vivo que Vicente Risco definía como “a alma da terra metida dentro das cousas”.