Andy Chichester rompe as barreiras lingüísticas no Carballo Interplay

Andy Chichester, estadounidense con alma galega

Seguimos repasando o programa da XII edición do Festival Carballo Interplay, que se desenvolverá do 24 ao 27 de abril no Mercado de Carballo. Tralos primeiros avances co Facu y Maldonado como destacables, o festival de contidos dixitais informa da chegada do mestre de Nova Iorque Andy Chichester, un “ianquie de alma galega”.

Chichester quedou prendado de Galicia desde unha visita que fixo fai anos, na súa etapa de estudante de filoloxía española, e é dos membros máis queridos da comunidade dixital galegofalante, un exemplo de defensa da lingua que sae do común. Na súa conta de X e Instagram, @chibarinclub, e na canle de Youtube Mira Quen Fala Galego comparte vídeos nos que fala de diversos temas en galego. O Carballo Interplay será o espazo para desvirtualizar a Chichester, que viaxará desde Estados Unidos para falar co actor Federico Pérez sobre a súa experiencia como neofalante e o seu compromiso coa cultura galega.

Talento Galego

O Carballo Interplay segue apoiando o talento galego, como acontece do videopodcast O Faiado, proxecto creado en
2023 por estudantes de xornalismo e comunicación audiovisual, para comentar a actualidade sobre a cultura pop, galega e internacional sempre desde o humor. Na pasada edición gañaron o premio a Mellor Canle Dixital en Galego e no mesmo ano o Premio Revelación en Youtubeiras. Agora volven ao festival na xornada do venres, no marco da Zona Pro, para que o público goce da gravación en directo dun dos videopodcast máis en tendencia da comunidade.

Videoxogos en galego

A historia dos videoxogos en Galicia, a sátira social e política e a educación no ámbito dixital marcarán a xornada do xoves 24. Durante a mañá o público, no que estarán escolares e universitarios, teñen o obradoiro “Kit de autodefensa dixital” con Fembloc, un obradoiro pensado para visibilizar as tendencias machistas na rede e dar ferramentas para combatelas. A privacidade en liña, o control das imaxes íntimas ou privadas, e como responder en casos de control e vixilancia. Así, o alumnado aprenderá a controlar a información que comparte ou crear contrasinais fortes dunha forma didáctica e fácil de comprender.

O Carballo Interplay indagará tamén no universo dos videoxogos, un ámbito esencial na historia do audiovisual galego e máis contando en Galicia co primeiro museo aberto en España adicado á súa historia, o MUVI, un proxecto da Fundación Museo do Videoxogo de Galicia. No Interplay reivindicarán o videoxogo como medio de comunicación, expresión e creación, así como unha ferramenta educativa no sentido máis amplo da palabra, nun panel no que repasarán tamén a súa historia en Galicia poñendo o foco en The Wall, o primeiro videoxogo comercial da comunidade.

Webseries

As webseries tamén contarán con espazo nesta xornada. Por unha banda coa proxeción dos dous primeiros capítulos de Dieciocho (Hammudi Al-Rahmoun Font, Damià Serra Cauchetiez, 2024) unha produción de RTVE coa que rompen cos prexuizos sobre os
migrantes. Durante a tarde o público gozará de varias obras da Sección Oficial e da estrea de Delirio Sketches (Bea Saiáns, 2025), o proxecto gañador na pasada edición do Premio á Produción de Contido Dixital en Galego.

O día rematará cunha grande dose de risas da man de Non Saímos do Lixo, un fenómeno revelación na rede que levará o seu humor ao show no Mercado de Carballo. Un espectáculo que será un laboratorio de comedia por onde pasarán algúns dos seus clásicos e se probarán novos personaxes e sketches. Entre as súas caras máis coñecidas atópanse Denny Horror, Susana Sampedro, Cata Ukelele ou Marta Doviro.

Máis novas