Antonio Seijas presenta este mércores en Espiral Maior Foro o seu novo poemario

Se Diana Varela Puñal estrea poemario facsilimar na Coruña na xornada do xoves, Antonio Seijas achega o seu a Carballo. Este mércores, día 13 de maio, ás 20:00 h., terá lugar en Espiral Maior Foro (Rúa do Sol, 34) a presentación do libro de poemas “Os oito mitos de Palermo”, do que é autor o historiador da arte, pintor, ilustrador e poeta Antonio Seijas.

Participarán no acto, ademais do autor, a poeta e investigadora literaria Cristina Fiaño; a poeta, escritora e profesora Rosalía Fernández Rial, e o escritor e director de Espiral Maior Foro Miguel Anxo Fernán Vello.

Antonio Seijas ten publicado as novelas gráficas Un home feliz, gañadora do Concurso Castelao da Deputación da Coruña (2006) e do Premio do Público ao Mellor Guión no Salón do Cómic de Barcelona (2008), unha obra que tamén foi adaptada para radiodrama pola Radio Nacional de Eslovenia. Outras novelas gráficas da súa autoría son Cartas de inverno, gañadora do Premio Isaac Díaz Pardo ao Mellor Libro Ilustrado da Asociación de Editores de Galicia (2012), e A luz, nomeada á Mellor Obra Nacional en Expocómic (2014). Como ilustrador, traballou para as industrias do libro, a discográfica, a televisión e a publicidade.