As obras de reurbanización da rúa Desiderio Varela obriga a reordear o tráfico en Carballo

A céntrica rúa Desiderio Varela de Carballo quedará cortada á circulación o vindeiro luns, día 13 de febreiro, no treito que vai ser obxecto do proxecto de reurbanización elaborado pola oficina técnica municipal. Durante a execución das obras o concello de Carballo reordenará o tráfico na contorna da praza do Concello para facilitar o acceso a residentes e usuarios e usuairas de garaxes, garantir a seguridade e intentar que os traballos causen as mínimas molestias posibles. Segundo o plan de tráfico deseñado pola Policía Local, no comezo da rúa Desiderio Varela dende Camiño Novo (punto 1 da imaxe) colocarase un panel informativo indicando que a rúa está pechada por obras e que só se permite o acceso a residentes e usuarios e usuarias de garaxes. No outro extremo da rúa, na esquina con Gran Vía (punto 2 da imaxe), retirarase o sinal de prohibido o paso e será substituído por outro panel informativo no que se indicará que a rúa está pechada por obras pero que se permite o paso a residentes, usuarios de garaxes e dos aparcamentos da rúa Jacinto Amigo Lera. As obras tamén afectarán ao tráfico na rúa Colón, na que os días de feira cambiarase o sentido do tráfico para darlle saída cara a rúa Cervantes aos coches procedentes de Desiderio Varela (punto 3). Os turismos procedentes de Valle-Inclán non poderán acceder á rúa Colón e terán que desviarse por Cervantes obrigatoriamente. As obras de reurbanización da rúa Desiderio Varela, que forman parte do concepto de mobilidade promovido dende o goberno municipal, serán executadas pola empresa construcciones López Cao cun orzamento de 176.055 euros procedentes do PAI - Plan de Aforro e Investimento - da Deputación da Coruña. O proxecto permitirá solucionar as numerosas deficiencias dos servizos soterrados, que son moi antigos e están incompletos. A actuación afectará aos 145 metros de vía. O proxecto prevé unha zona peonil de 2,50 metros de ancho con acabado de granito, unha zona de circulación de 3,8 metros de ancho de adoquín similar ao da rúa Colón e unha zona de protección de 2,85 metros de ancho máis próxima ao xardín, na que se alternarán adoquín e céspede.
Asinado o contrato para a instalación dos novos pavimentos para os pavillóns do IES Monte Neme e do CEIP Fogar Por outra parte, onte asinouse o contrato de subministración de pavimento deportivo para os pavillóns do IES Monte Neme e do CEIP Fogar. No acto estivo presente o alcalde de Carballo - Evencio Ferrero -, representantes da empresa Galitec Desarrollos Tecnológicos SL e o concelleiro de Deporte - Marcos Trigo -. O concello carballés investirá 78.529 euros nos novos pavimentos, adaptados á normativa europea sobre seguridade e confort do deportista. Así mesmo, o contrato inclúe o pintado de pistas para a práctica de diferentes modalidades deportivas. O prazo de subministración é de 45 días. Novas relacionadas Fonte
  • Redacción QPC (info@quepasanacosta.com)
  • Concello de Carballo