Asinados os contratos para as obras de reforma de seis centros sociais en Carballo

Das obras de reforma encargaranse as empresas Fonsan Gestión y Construcción SL e IAM Rumbo Instalaciones y Obras SL O alcalde de Carballo - Evencio Ferrero - asinou onte os contratos correspondentes ás obras de reforma de seis locais sociais en cinco parroquias. O investimento total acada os 333.721,98 euros, pero as actuacións divídense en dous lotes. Por unha banda, Fonsan Gestión y Construcción SL executará os traballos de acondicionamento dos locais de Artes, Rus, Entrecruces e Outón, todo iso cun orzamento de 275.889,95 € (IVE incluído), mentres que IAM Rumbo Instalaciones y Obras SL acometerá os labores de ampliación do centro social de Oza e de edificación dun almacén acaroado á escola unitaria de Sísamo por 57.832,03 €. As obras - que no primeiro caso teñen un prazo de execución de cinco meses e no segundo de tres, atenderán as peticións realizadas polo movemento asociativo de cada unha das parroquias para acondicionar e mellorar a funcionalidade dos centros sociais. A proposta do Consello Parroquial de Artes, dado que o centro social atópase no primeiro andar do edificio que tamén acolle a escola unitaria na planta baixa, as obras faranse coincidindo coas vacacións. Ademais destas actuacións, o concello de Carballo tamén realizou este ano traballos de mellora na antiga escola de Vilela para que poida ser utilizada como local social e acometeu a construción do centro social de Ardaña, un edificio de nova planta que entrará en servizo antes de fin de ano. O investimento total en edificios de uso cultural e social nas parroquias ronda os 800.000 euros.   Novas relacionadas Fonte
  • Redacción QPC (info@quepasanacosta.com)
  • Concello de Carballo