A Asociación Deportiva e Social Un Paso Máis presenta o seu ambicioso programa de “Obradoiros de Familia"
A Asociación Deportiva e Social Un Paso Máis convida ás entidades sociais e público en xeral ao acto de presentación do seu novo e ambicioso programa “Obradoiros de Familia”, unha iniciativa que busca ofrecer acompañamento, formación e apoio ás familias no complexo camiño da crianza de nenos e nenas con diversidade funcional.
O programa, que abrangue nove obradoiros —un cada mes entre outubro e xuño— abordará algúns dos temas que máis preocupan ás familias: dende os primeiros momentos tras o diagnóstico ata os retos da adolescencia. Cada sesión pretende ser un espazo de aprendizaxe compartida, reflexión e encontro entre profesionais e familias.
Os obradoiros desenvolveranse o segundo sábado de cada mes, de 10:00 a 13:00 horas, nas instalacións do Casino de Carballo, entidade que colabora xenerosamente coa cesión do seu espazo para o desenvolvemento da actividade.
No acto de presentación, que terá lugar este luns 6 de outubro as 16:00 h. nas instalacións do Casino de Carballo, intervirán:
- Isabel García García, coordinadora do programa e Doutora en Desenvolvemento Psicolóxico, da Aprendizaxe e da Saúde.
- Víctor Lorenzo Fernández, presidente do Casino de Carballo.
- Banesa Martínez Rodríguez, presidenta da Asociación Deportiva e Social Un Paso Máis.
Con esta nova proposta, Un Paso Máis reafirma o seu compromiso co benestar das familias e coa construción dunha sociedade máis inclusiva, consciente e solidaria.