Aspaber recolle en "Fora de serie" os seus corenta anos de traxectoria

Onte presentouse en Santiago o libro e o documental "Fora de serie" de Aspaber A asociación de pais de discapacitados psíquicos de Bergantiños - ASPABER -, con motivo do seu 40 aniversario, presentou onte en Santiago de Compostela o libro e o documental "Fora de serie". Estes dous traballos recollen non só a bagaxe e os logros acadados por ASPABER e os seus usuarios durante estas catro décadas senón tamén, e sobre todo, a importancia dos xestos e as accións, tanto colectivas como individuais, que provocan cambios sociais e contribúen a eliminar barreiras. Precisamente esa é a principal mensaxe que a entidade quere mostrar co traballo: a necesaria implicación individual para acabar cos prexuízos que impiden acadar as nosas metas. "Fora de serie" exemplifica, a través dos usuarios e os seus pais e nais, unha loita que malia todos os obstáculos foi capaz de lograr todas as aspiracións que se propuxo e converter en realidade o que, en principio, parecía imposible. Para contar a historia de ASPABER, a asociación recorreu á colaboración do xornalista Manuel Rey para escribir o libro e do documentalista Xosé Bocixa que realizou a reportaxe gráfica. Cada un deles, dende a súa profesionalidade, aporta a "Fora de serie" a súa solvente visión para trasladar ao lector que somos capaces de cumprir os nosos soños se realmente loitamos por eles. Esta mensaxe positiva e ilusionante toma como exemplo o traballo de ASPABER que, con máis dificultades e limitacións, puxo en marcha un proxecto que parecía imposible e converteuno nunha realidade. Manuel Rey salientou na rolda de prensa posterior á estrea do documental que “o único que fixemos nós foi contar historias que nos tocaron a fibra e nos cambiaron a vida porque realmente fomo nós os que aprendemos moito destas persoas” mentres Bocixa destacou que a lectura final é que “capaces somos todos aínda que todos temos dificultades. Trátase de non poñer límites ao noso camiño. Temos que andalo sen medo”.
Dolores Fernández, directora de ASPABER, estivo na presentación do libro e do documental "Fora de serie" A estrea do documental e mais a presentación do libro celebráronse onte no auditorio do edificio CERSIA en Santiago de Compostela e repetirase no pazo de Cultura de Carballo -onde ASPABER ten a súa sede- o próximo domingo, 18 de decembro. Ao acto da capital galega acudiron, ademais dalgúns dos rapaces e rapazas que protagonizan "Fora de serie", o alcalde carballés, Evencio Ferreiro, e a secretaria xeral de Emprego da Xunta de Galicia, Covadonga Toca. Asistiron tamén outros destacados representantes de organismos e asociacións comprometidas con esta causa así como os autores dos traballos, Manuel Rey e Xosé Bocixa, e a directora de ASPABER, Dolores Fernández. Foi precisamente Dolores Fernández quen fixo un relato breve destes 40 anos de historia manifestando que se ben hoxe o éxito do proxecto é a plenitude dunha integración plena que culmina coa formación e emprego destas persoas, non menos importante foron as dúas etapas previas de darlles visibilidade social e facer valer os seus dereitos como cidadáns “porque a condición de persoa non ven dada por se es máis alto ou máis intelixente senón polo entorno de humanidade no que vives e te recoñecen”. Fonte
  • Redacción QPC (info@quepasanacosta.com)
  • Aspaber