AXOBER e Un Paso Máis unen camiños

Diego Iglesias, Presidente de AXOBER; e Banesa Martínez, Presidenta de “Un paso máis” formalizaron o convenio esta mañá

Implicar ao tecido empresarial na inclusión real. Ese é o obxectivo da sinatura do convenio entre a Asociación de Empresarios de Carballo - AXOBER - e a Agrupación Deportiva “Un Paso Máis”. Unha colaboración para desenvolver conxuntamente iniciativas de interese social e centradas na inclusión e na equidade.

O convenio establece un marco de cooperación entre as dúas entidades que permitirá sumar esforzos na difusión de actividades de interese xeral, así como na promoción de valores sociais a través do deporte e a participación comunitaria.

Con este convenio, AXOBER manifesta a súa vontade de promover iniciativas que poidan xerar fondos para a Agrupación Deportiva “Un Paso Máis”, entidade sen ánimo de lucro que traballa no ámbito social cun enfoque integrador e inclusivo. Pola súa banda, a entidade deportiva comprométese a darlle visibilidade á participación de AXOBER nas súas actividades, recoñecéndoa como unha entidade colaboradora.