A Biblioteca Rego da Balsa estrea o espazo Xoán Manuel López Eirís
Convertiuse nun gran auditorio teatral a Biblioteca Rego da Balsa para estrear o novo Espazo Xoán Manuel López Eirís. Un espazo que recibe unha doazón bibliográfica de valor incalculable, pero que tamén recupera a memoria dun dos seus creadores máis universais.
O acto comezou coas notas dun violín que encheron de solemnidade o espazo. Lucía Rey Fraga, alumna de 3º curso de grao elemental no Conservatorio Municipal de Música, foi a encargada de recibir aos asistentes, e creou a atmosfera perfecta para o que estaba por vir: un tributo á cultura.
O acto estivo marcado pola gratitude. A concelleira Ángeles Pacoret, mestra de cerimonias, abriu unha xornada na que se destacou a inmensa xenerosidade do artista e de súa familia. O público puido admirar por primeira vez a disposición dos máis de 2.500 libros que compoñían a biblioteca persoal de Eirís, unha das coleccións de artes escénicas máis importantes de Galicia, agora ao alcance de todos os carballeses. "Este espazo nace para ser consultado, para ser vivido", sinalou Ángeles Pacoret.
Santiago Fernández, director de Casahamlet, e Xosé Paulo Rodríguez, director do Teatro Rosalía, coincidiron en sinalar que Eirís non só deseñaba decorados, senón que "creaba mundos". Pola súa banda, o alcalde Daniel Pérez pechou as intervencións institucionais agradecendo á familia a súa xenerosidade e reafirmando o compromiso de Carballo coa memoria do seu veciño máis ilustre no eido da escena: "Este espazo é o noso xeito de facer que a súa luz siga iluminando a quen queira crear", manifestou.
O momento máis máxico chegou tras as palabras. Como non podía ser de outro xeito nun espazo dedicado á dramaturxia, o silencio rompeuse cun "agasallo teatral". Ana Sánchez e Diana López, de Casahamlet, ofreceron unha breve pero intensa peza que emocionou aos presentes e anticipou que o espazo nace con vocación de estar vivo.
Desde hoxe, o legado de López Eirís xa non está gardado en caixas; está na casa, en Carballo, agardando por todas as persoas que queiran descubrir os segredos que se agochan detrás do telón.