Carballo acada as cifras máis altas de solicitudes de licenzas para naves industriais dos últimos 20 anos

Nave en construcción no polígono de Bértoa.

No primeiro semestre deste ano presentáronse a través do Rexistro Xeral do Concello de Carballo solicitudes de licenzas para a edificación de 11 vivendas unifamiliares. A cifra mantense en niveis semellantes aos do ano pasado, xa que en todo o 2019 foron tramitados 21 permisos. Mais a pesares destes niveis baixos en canto a vivendas unifamiliares, en naves industriais ocorre todo o contrario, xa que dende o 2017 o Concello está nas cifras de licenzas máis altas en vinte anos.

No trienio 2017-2019 Carballo recibiu solicitudes para a construción de 63 naves no parque empresarial de Bértoa (nos anos centrais do boom inmobiliario, 2005-2007, acadáranse as 55), e no primeiro semestre deste 2020, malia o estado de alarma, contabilizáronse 6. O nivel de ocupación do polígono supera con creces o 80%, e as parcelas que quedan son pequenas, o que imposibilita a implantación de grandes proxectos empresariais á espera de que por parte da Xunta de Galicia se desenvolva a anunciada ampliación. Para este ano está comprometida por parte da Administración autonómica a redacción do proxecto e a adquisición do solo.

A actividade comercial e empresarial fóra do polígono tamén é elevada, como demostran as 257 comunicacións previas de inicio de actividade tramitadas no trienio 2017-2019. Este ano a cifra é inferior á media dos tres anteriores, pero aínda así no primeiro semestre contabilizáronse 27. Entre os anos 2009 e 2019 tramitouse a posta en marcha de máis de mil empresas no noso concello.