Carballo busca a presenza do mosquito tigre

O Concello de Carballo colabora coa Dirección Xeral de Saúde Pública na prevención sanitaria ambiental coa posta en marcha do programa de control do mosquito tigre (Aedes albopictus). Técnicas da Consellería de Sanidade desprazáronse ata a localidade para manter unha xuntanza de traballo co concelleiro de Medio Ambiente, Miguel Vales, e persoal do servizo de control de pragas, co obxectivo de coordinar os esforzos ante a expansión deste vector en Galicia. 

No encontro explicouse detalladamente o funcionamento do programa de vixilancia, e hoxe mesmo procedeuse á instalación da trampa que servirá para monitorizar a posible presenza do insecto no termo municipal. Esta campaña de mostraxes sobre o terreo estenderase de forma activa e ininterrompida en Carballo ata o próximo mes de novembro, coincidindo co período de maior actividade do vector. No caso de que se detectase a presenza do mosquito tigre no noso concello, por parte de Sanidade articularíanse as medidas complementarias necesarias.

Carballo convértese así nun dos municipios adheridos formalmente á Rede Galega de Vixilancia de Vectores (ReGaViVec), que opera desde o ano 2017 coa colaboración da Consellería do Medio Rural, as universidades de Santiago e Vigo e o CSIC. 

A activación destas medidas preventivas en Carballo coincide coa convocatoria urxente do Comité Interdepartamental do Mosquito Tigre por parte da Xunta, fixada para hoxe, 9 de xullo. O encontro técnico, no que participarán concellos e áreas sanitarias, convócase despois de que se confirmase a chegada deste insecto ao concello da Coruña, o que supón o primeiro foco detectado no norte de Galicia e que se suma aos 12 municipios da provincia de Pontevedra onde xa estaba asentado desde 2023.

Malia a capacidade do mosquito tigre para actuar como vector de enfermidades virais como o dengue ou o zika, o risco para a saúde pública en Galicia segue a ser moi baixo, dado que non se rexistrou ningún caso autóctono destas patoloxías. Os exemplares localizados na comunidade non están infectados polo microorganismo, polo que actualmente só representan unha molestia polas súas picaduras e non un problema de transmisión de enfermidades.