Carballo cede as plantas de temporada retiradas ás familias composteiras

Unha recicladora recollendo unha planta municipal
  • A Laracha e Carballo exportan a experiencia co programa #TitesaChave

Convocaba o Concello de Carballo ás familias que quixeran recoller as flores de temporada retiradas dos xardíns municipais. E menudo éxito de convocatoria. Mesmo houbo momentos de aglomeración arredor do posto instalado na rúa Coruña. En só tres horas repartíronse 160 macetas con begonias e alegrías, que tiveron moi boa aceptación.

Un reparto que se dirixiu en exclusiva ás persoas que participan nos programas de compostaxe do Concello de Carballo, tanto na zona urbana, coa chave que abre os contedores marróns, coma na rural, cos composteiros individuais. Nestes momentos hai 1.472 familias comprometidas co proxecto medioambiental “Ti tes a chave”, e a elas sumáronse hoxe outras 24. En canto á compostaxe doméstica, aos 716 que temos repartidos por todo o territorio municipal haberá que engadir outros 10 solicitados hoxe.

Exportando experiencia

Carballo e A Laracha foron os concellos pioneiros en Galicia en instaurar o contedor marrón, a quinta fracción. Unha medida que será obrigatoria moi pronto en toda a UE.

Para expandila, represententes dos dous concellos participaron onte na localidade lucense de Cervo baixo a organización de Sogama e a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda da Xunta de Galicia. O acto enmarcouse no programa de actos en conmemoración da Semana Europea da Prevención de Residuos.