Carballo conmemora o Día Mundial da Menopausia cunha charla coloquio para mulleres

Son cousas das que hai que falar pero pouco se fala a nivel público. De aí o valor da actividade do Concello de Carballo, que co gallo Día Mundial da Menopausia (o 18 de outubro), vai organizar unha charla coloquio Coidemos o solo pelviano na menopausia, que se vai levar a cabo este venres 17, ás 19.00 horas, na Biblioteca Rego da Balsa. Será impartida polo o equipo multidisciplinar do centro de saúde.

Lembran que se trata dunha data establecida pola Sociedade Internacional da Menopausia e a Organización Mundial da Saúde para axudar a crear conciencia sobre a necesidade de prestar atención á saúde das mulleres e previr as enfermidades máis frecuentes nesta etapa da súa vida. Segundo a OMS, dentro de trinta anos haberá máis de 1.000 millóns de mulleres maiores de cincuenta anos, o triplo que no 1990.