Carballo conta con cinco novos aparcamentos con capacidade para 130 vehículos

Os novos espazos entrarán en funcionamento nos próximos días unha vez instaladas as ramplas de acceso Carballo vén de sumar 130 novas prazas de aparcamentos públicos e gratuítos no seu casco urbano despois das obras de acondicionamento que levou a cabo o concello nos últimos días. Estas novas áreas sitúanse nas rúas San Antonio, Luis Calvo-Pan, Nicaragua, Bos Aires-Chile e avenida das Flores. O alcalde, Evencio Ferrero, e o concelleiro de Obras e Servizos, realizaron un percorrido por estes novos espazos para vehículos, que entrarán en servizo en cuestión de días, tan pronto como se instalen as ramplas de acceso. Agás a da rúa Nicaragua, que é municipal, todas as parcelas foron cedidas polos propietarios ao concello de Carballo polo sistema de comodato, que permite a utilización pública dos terreos a cambio da exención de impostos. Con estes novos aparcamentos xa son 2.160 as prazas habilitadas neste tipo de espazos. A principal bolsa de estacionamentos do centro urbano atópase no ámbito do Rego da Balsa, con máis de 800 prazas dispoñibles nun total de nove parcelas de propiedade privada e pública. Novas relacionadas Fonte
  • Redacción QPC (info@quepasanacosta.com)
  • Concello de Carballo